«Tratarei de dar unha visión do que foi e é esta festa»

PAULA VÁZQUEZ

SANTIAGO CIUDAD

Este historiador muxián inaugurará hoxe á noite, a partir das 21 horas, as festas da romaría da Virxe da Barca.

09 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

? Investiga sobre a historia de Muxía e da súa zona desde hai máis dunha década. Marchou da vila sendo un adolescente pero alí regresa todas as semanas, ademais de en ocasións puntuais, para visitar a parte da súa familia, incluído o seu pai. Hoxe chegará a Muxía para facer algo distinto. José Enrique Benlloch del Río (Muxía, 1949) é o pregoeiro da romaría da Virxe da Barca deste ano, unha proposta que agradece ao Concello, aínda que recoñece que o colleu un pouco «desconcertado».

-¿Como recibiu a nova de que o Concello pensara en vostede para o pregón da romaría deste ano?

-Non contaba con ser o pregoeiro desta festa, aínda que eu mesmo era consciente de que me tocaría algún destes anos posto que levo anos investigando sobre a vila. Foi unha nova que recibín un pouco «desconcertado». O alcalde, Félix Porto, chamoume este luns para comunicarme que contaban comigo para o pregón do venres, unha chamada que me colleu un pouco sen tempo. Aínda así, a iniciativa agradécese moito. É un honor para calquera muxián poder ser o pregoeiro das festas da túa terra.

-É a primeira vez que exerce como pregoeiro e faino nunha das romarías máis grandes de Galicia. ¿Como están os ánimos?

-Falar para todos os veciños é algo que impresiona bastante. Máis que impoñerme, impórtame que sexa ameno para a veciñanza, aínda que tamén con contido. Tómoo como algo entrañable, que reflicte tamén os meus vínculos con Muxía. Non é algo cotiá nin pretendido así que, polo menos, está a intención de que saia o mellor posible.

-A estas alturas o pregón xa estará listo.

-Si. A idea central xa está máis ou menos elaborada.

-¿Que mensaxe centrará o discurso?

-Co pregón tratarei de dar unha visión do que foi e é a festa, aínda que tamén aludirei ao persoal. En Muxía pasei a miña infancia e adolescencia ata que marchei estudar a Santiago de Compostela, polo que gardo moi bos e bonitos recordos.