Estranxeiro na miña terra

Miro Villar

SANTIAGO CIUDAD

09 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

NNinguén é profeta na súa terra, sinala o dito que evoca unha pasaxe bíblica. Ou tamén podería dicir «estranxeiro na miña pequena patria», facendo unha paráfrase do poema de Rosalía de Castro Estranxeira na súa patria, que se inclúe no libro II, ¡Do íntimo!, de Follas Novas. A sabedoría popular galega e a escrita literaria poderían servir para explicarmos un esquecemento ou un silenciamento da miña obra no lugar no que nacín, no que asenta a miña estirpe e no que vivín durante moitos anos e ao que aínda vou con moita frecuencia.

Celébrase estes días a Feira do Libro de Cee e en ningún momento fun convidado a facer parte da súa programación, malia ser este 2011 un ano especialmente produtivo para min, pois publicáronse tres libros da miña autoría: o conto infantil A cobiza do verme Noel en Galaxia, o poemario As crebas en Espiral Maior e a antoloxía do poeta Bernardino Graña Ser auga, darse en auga, que preparei para o Pen Clube de Galicia. Pois ben, non sei se por desinformación, o que sería grave, ou por premeditada discriminación, o que sería máis grave aínda, os poderes públicos locais desmerecen e ocultan a obra dun autor local, que leva o nome de Cee por moitos lugares, e dan importancia a outros que por aquí aparecen de xeito ocasional e mesmo sen ningunha relación coa nosa contorna. A verdade é que me asalta unha dúbida que non son quen de resolver: ¿Terá que algo que ver esa actitude co feito de rexeitar o Faro Nerio de mans do aínda alcalde de Cee e presidente de Neria? En calquera caso están ben enganados se pensan que van silenciar a miña voz.

Ao excelente suceso co que foi acollida a presentación do libro As crebas en Carral ou na libraría Couceiro de Santiago de Compostela seguiu o pasado venres o éxito de asistencia no acto de presentación que fixemos na confraría de O Pindo e han seguir outras, como a que xa teño confirmada no XIV Encuentro de Poetas Iberoamericanos, unhas xornadas que se celebrarán na cidade de Salamanca o 5 e 6 de outubro, organizadas pola Fundación Salamanca Ciudad de Cultura. Seica aló non tiveron problemas para coñecer e divulgar a miña escrita literaria. Pola contra, canta ignorancia ou canta miseria moral hai na miña vila!