Imagen:

«Fun acollido en Sigüeiro como un veciño máis, e así me sinto eu»

O bailarín foi homenaxeado pola súa traxectoria na asociación Lembranzas do Tambre


santiago / la voz 30/11/2016 05:00

Moito insistiron desde a dirección de Lembranzas do Tambre para que Abel Rodríguez Noya continuase un ano máis na asociación, pero o veterano mestre de baile galego decidiu que era o momento. «Teño problemas nun xeonllo e sentía que seguir ía ser enganar aos alumnos», explica. O pasado sábado recibiu unha merecida homenaxe en Sigüeiro, onde unhas 150 persoas rememoraron a súa traxectoria. Agora, para non perder o costume, da clases os venres e sábados no local social da Gracia (Santiago).

-¿Como se sentiu o sábado pasado ao levar esa sorpresa?

-A emoción foi moi grande. A verdade é que me fixeron unha boa encerrona. Nin sequera na casa conseguín descubrir o que ían a facer. Formulárono como unha comida da directiva da asociación.

-E chega alí e atopa 150 persoas que van para homenaxealo. ¿Puido conter as bágoas?

-No momento de chegar alí e ver tanta xente, apenas puiden expresar tanta emoción. So podo dar as grazas a todos os que colaboraron para facelo posible. Cando puxeron un vídeo con imaxes da miña traxectoria, cos meus primeiros pasos e moitos recordos. Pode que non se dera conta ninguén porque estaban as luces apagadas, pero terminei mollando o ollo.

-¿Veulle á mente algún recordo en especial nese momento?

-No vídeo saíron nun momento meu pai e un tío meu tocando a gaita. Recordo que, cando eu era novo e tiña que traballar e actuar, case non tiña tempo para nada. Meu pai dixéralle unha vez á miña nai que non sabía se me compensaba estar así. Eu agora penso que se el tivera estado na homenaxe do sábado vería que non hai cartos que paguen tanto cariño. Incluso viñeron alumnos que mancharon da asociación moi novos e levaba anos sen ver.

-Ademais, este ano recibiu o recoñecemento do Concello.

-Cando fas algo que disfrutas, como eu o folclore, e che premian e recoñecen por elo, non hai palabras coas que valorar tanto cariño.

-¿Que é para vostede Lembranzas do Tambre?

-Hai un detalle que xa me dixeron moitas veces e creo que expresa perfectamente o que é a asociación para min. Eu vivo en Santiago e de tanto tempo que pasei en Sigüeiro, a xente que me coñece de vista pensa que vivo alí. Fun acollido polo pobo como un veciño máis, e así me sinto eu. Ademais, Lembranzas do Tambre tamén me fixo sentir como na casa. Entendinme sempre con todas as directivas e gárdolles moito cariño.

-Tamén fixo moita carreira folclórica en Santiago.

-Recordo especialmente aqueles piques que tíñamos nos concursos da Quintana, onde gañei os meus primeiros premios como bailarín.

-¿Recorda con especial agarimo algún daqueles premios ou concursos?

-Os dous premios individuais que levei na Quintana nos 80 e as cinco medallas de ouro co grupo. Con Lembranzas do Tambre quedo con algunhas das viaxes que facíamos. Durante cinco anos consecutivos fomos pola parte do Levante e foi algo que marcaba moito, tanto pola festa que se montaba como pola convivencia cos grupos.

-¿Soubo desde pequeno que quería ser bailarín?

-O día da homenaxe recordoume o primeiro presidente de Lembranzas do Tambre que tiveron que insistir moito para conseguir que formase parte da asociación. Eu disfrutaba bailando pero non estaba preparado para aquilo. Cheguei a marchar tres veces e nunca pensei que me puidese enganchar desa maneira ao final. O que pasa é que a convivencia e o trato era tan bos que terminoume atrapando. O baile acabou sendo como unha droga.

Votación
5 votos
Etiquetas
Sigüeiro
Comentarios