«Pomos en diálogo as literaturas galega e brasileira máis actuais»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Presentan un libro con 21 contos para o século actual

18 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O IV Encontro Internacional de Itaú Cultural, organizado por esta importante institución brasileira, xunto co Consello da Cultura Galega, a USC e a Fundación Cultural Hispano-Brasileña, reúne na cidade a produtores brasileiros e galegos, e especialistas doutros países. A profesora Carmen Villarino coorganiza este acontecemento, que chega por vez primeira a Europa e se transmite por Internet. Esta tarde, na libraría Couceiro, presenta o volume O conto brasileiro contemporâneo, editado por Laiovento, e preparado por ela e Luiz Ruffato, un dos escritores brasileiros de maior proxección.

-¿Que busca este encontro?

-Pomos en diálogo as literaturas galega e brasileira máis actuais, con produtores que discuten cuestións como a edición, produción, público, e outras que consideren oportuno en relación á escrita e á cultura agora mesmo. E queremos focar esa produción en diversos ámbitos, entre eles o académico, no sentido da docencia da literatura.

-¿E o libro que presentan esta tarde?

-A idea do volume foi reunir 21 contos brasileiros para o século XXI. Hai unha representación de escritores e escritoras bastante ampla do Brasil: de Rio de Janeiro, São Paulo, Rio Grande do Sul, Paraná, Brasilia, Ceará, Goiania ou Minas Gerais; algúns deles, nomes con traxectorias xa moi consolidadas.

-¿Son coñecidos para atraer consumidores galegos?

-Penso que si, teñen moito interese. E algúns xa estiveron en Santiago, como Luiz Ruffato, un dos organizadores. Xa viñeron tamén Adriana Lisboa, Bernardo Carvalho e Cristóvão Tezza. Tatiana Salém-Levi, Marçal Aquino, Marco Lucchesi e Cintia Moscovich participan nas sesións desta semana.

-¿Foi difícil reunir estes 21 autores?

-O certo é que todos cederon xenerosamente o conto que aquí publican para colaborar neste proxecto e divulgar a produción contística brasileira das dúas últimas décadas, a de 1990 e a primeira deste século. Foi un proxecto que entusiasmou ás persoas que colaboramos no libro.

-¿Foi difícil o proceso de edición?

-É un libro que pensamos hai tempo, e comezou a gañar corpo hai un ano. Conseguimos apoio para a edición, a través da Embaixada do Brasil en Madrid e do Ministerio das Relações Exteriores brasileiro, e iso facilitou que o proxecto prosperase.

CARME VILLARINo cOORGANIZADORA DUN ENCONTRO CON BRASIL