«A nosa meta é poder chegar ao Campionato de Europa»

X. ríos SANTIAGO

SANTIAGO

Nesta tempada domina en España e quere repetir o título acadado no 2007

15 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Jesús Ferreiro (Melide, 1968) quere revalidar o título acadado no 2007. Comezou a competir no 89 e foi campión galego na modalidade de vehículos históricos no 1994, no 2000 e no 2002. Logo, foi campión de España de clásicos de velocidade no 2007 e subcampión no 2008. Agora, con Javier Anido como copiloto, vai primeiro no Campionato de España de vehículos históricos, posto que agarda manter esta fin de semana en Melide. Lembra con moito agarimo o Ford Escort MK2 que lle deu máis popularidade, «un coche de moito poderío», di o piloto.

-¿Que foi o que lle levou a iniciarse neste deporte de risco?

-Dende neno tes unhas inquedanzas por este mundo, algo que pouco a pouco vai enganchando moito. Cando lle encontras o gusto ao motor xa non hai quen dea volta atrás. Agora, o pouco tempo libre que teño o adico ao motor. Logo, ao ir gañando carreiras e case que sen darte conta, estás metido de cheo.

-¿Non é un deporte moi caro?

-Sen dúbida. Para correr a estes niveis xa tes que ter algún patrocinador importante... ou ser millonario. Para un traballador de a pé é inviable poder facer esto sen moitas axudas. Cando te decides a facer o Campionato de España é porque tes unha traxectoria importante e xa das atopado algúns apoios, incluso con axudas das administracións. A nivel rexional os gastos son máis reducidos, pero segue a ser un deporte caro.

-¿Canto pode gastar vostede nun ano?

-Estamos a traballar cun presuposto para un Campionato de España de clásicos de entre os 50 ou os 60 mil euros. E iso que tentas sacarlle a máxima rendabilidade ao coche facendo unha revisión cada tres carreiras. Hai quen o fai cada carreira, pero iso xa é moito gasto.

-¿Pensou en dar o salto ao Campinato de Europa?

-Estivemos correndo en Italia e noutros lugares e coido que estamos á altura das circunstancias. Pero para un Campionato de Europa xa se disparan os presupostos e se precisa dunha aposta moi forte dun patrocinador. Xa estariamos a falar de 120 mil euros ou máis. Son cousas maiores. A meta no futuro é estar nun campionato deste nivel.

-Cando está a competir a concentración ten que ser máxima, pero cando ten que arriscar de máis nalgún tramo ¿pásalle pola cabeza a posibilidade de ter un accidente que poida botar por terra todo o presuposto? ¿Pensa nalgún momento da carreira ou ten medo de que un golpe no coche provoque un grande desfase na economía do equipo?

-Non pensas no medo a lastimarte, porque de facelo non estarías a competir. Pero certa preocupación de fastidar o presuposto ás veces si que che ven á cabeza cando chegas a algún tramo ao final de rali no que tes que arriscar de máis. Pero tes que ser sempre consciente dos riscos en cada momento.

-¿Lembra algún golpe duro que lle fixese pensar en deixalo?

-Non, pero este ano tiven o primeiro golpe duro en anos. Nunca pensei en deixalo, aínda que foi un golpe dos máis feos que poden pasar nun rali. Antes tiven algunha que outra saída. Nada serio. Imos moi protexidos e os coches están moi ben preparados, aínda que cando tes fillos pensas en moitas máis cousas que canto eres novo.

jesús ferreiro campión de españa de vehículos históricos