«A zona histórica está a converterse nun museo»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

05 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«Se queres facer uns bos callos, vai mercar as especias a Cepeda». Os composteláns aínda repiten esta letanía aos seus fillos, e por iso o relevo xeracional na clientela do ultramarinos Cepeda está máis que asegurada. Coas especias anda a voltas xusto antes de comezar a entrevista José Cepeda. No seu local da praza de Cervantes ten pasado «toda a miña vida». Viu a luz por primeira vez nesa casa - «somos seis irmáns e todos nacimos aquí, daquela non había clínicas, viña unha matrona e xa está», explica- e aos 16 anos comezou a axudar ao seu pai detrás do mostrador. Hoxe, con 68 anos, a súa bata branca é xa unha institución entre os composteláns e é famosa entre os turistas.

O ultramarinos Cepeda leva dende o ano 1931 proporcionando alimentos aos santiagueses. Foi nese ano cando o pai de José Cepeda abriu a súa tenda, que dende 1888 levaba o nome de Viuda de Mauro Corrillo. «Disto aínda acordarán os maiores», aclara Cepeda. Daquela, o local eran dúas casas unidas «que chegaban ata Antealtares, que era por onde entraba toda a mercancía», dende bidóns de 500 litros de aceite ata azucre, pasando por viños de Castela e legumes. «Estes estantes que ves aquí», di sinalando os andeis detrás do mostrador, «eran todo caixóns onde gardabamos lentellas e garavanzos. Daquela non se empaquetaba nada».

No ano 1959, o seu pai tamén adquiriu unha fábrica de chocolates que levaba o seu apelido, Cepeda. «A maquinaria era antiga» e deixou de existir en 1962. «Eu era cativo pero os que a tiñan antes facían o chocolate cunha pedra e un rolo», lembra este comerciante.

Agora, as cousas son completamente distintas. «Claro que cambiaron moito as cousas que vendemos. Mira para eses estantes -os que están na entrada da tenda- con pan de molde e galletas». Tamén ten cambiado a clientela. «No verán imos salvando cos turistas» explica despois de vender unha peza de queixo de San Simón e un par de botellas de augardente. No inverno, son máis os veciños da cidade os que pasan polo ultramarinos para facer as súas compras.

Cambios profundos

O que si ten claro José Cepeda é que ten visto cambios profundos na cidade dende a cristaleira do seu ultramarinos. «O casco histórico está a converterse nun museo», láiase o comerciante. «Isto podías recalcalo», engade: «Deberan poñer máis facilidades para facer obras na casa e rehabilitacións». Sabe que zona antiga ten perdido poboación e ás veces é debido a este motivo, porque «un ten que pasar por 40 xanelas» antes de que lle dean a licenza de obra. «Teño unha clienta que está desesperada porque está todo o día entre as oficinas de Galeras e Raxoi» levando papeis para conseguir a licenza de rehabilitación.

¿Que hai da chegada dos supermercados á cidade? «Tampouco é que nos teña afectado moito porque aquí, no casco histórico, non houbo nunca un gran supermercado». Poida que si teña afectado entre «clientes que viven no Ensanche», onde as grandes cadeas de alimentación teñen os seus locais.

O que si ten cambiado por completo o modelo de negocio dos ultramarinos do casco histórico é a prohibición do tránsito rodado. «Home, se antes viñan e levaban dúas caixas de leite ou dúas de aceite, agora mercan moito menos» porque está prohibido meter o vehículo no casco antigo. «Iso tamén lle afecta aos veciños, porque a xente non ten onde gardar os coches», explica José Cepeda. As especias de callos, enriba do mostrador, son testemuña do que conta.