«Por supervivencia, temos que aforrar 150.000 euros este ano»

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

O rexedor propón pór un pago de servizos dependendo dos ingresos

28 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Carlos Martínez, conseguiu aos seus 41 anos recuperar para o PP a alcaldía de Vedra, que foi feudo do PSOE durante máis dunha década, aínda que lle faltou o sétimo concelleiro para acadar a maioría absoluta. Maila a faltarlle esa guinda, di que «é un orgullo que a xente do teu Concello confíe en ti». E á hora de afrontar o reto do cargo, síntese con folgos e defínese como un «home tranquilo pero valente».

-Despois da alegría do triunfo, supoño que chegará certa vertixe polo traballo a facer. ¿Cal está sendo a prioridade?

-Vedra necesita un plan eficaz de aforro. Temos unha débeda que chega ao millón de euros e arrastramos un déficit de 530.000 euros. O plan do que falo é un plan para que o concello siga prestando os servizos básicos que demanda a xente. E hai que aforralos, porque se non, isto rebenta.

-¿Tan mal vai a cousa?

-A nosa situación é similar á do resto dos concellos, pero no noso caso, e de forma inmediata, de aquí a final de ano temos que aforrar 150.000 euros, si ou si, xa non é unha cuestión política, é de supervivencia.

-Fala de aforro e anuncia recortes, e vostede di que non hai moito por onde cortar. ¿Cal pode ser a solución?

-O que si teño claro é que o que hai que recuperar son as medidas de apoio aos máis desfavorecidos. As Administracións temos que axudar aos que menos teñen, e niso temos que colaborar todos, especialmente os que mais teñen. Temos que ir xa a unha progresividade real no tema dos servizos que presta un Concello. Hoxe en día, case todo o mundo ten todos os servizos, e os quere ter gratis. Pero se queremos mantelos, o que non teña nada debe ter servizos gratuítos, os que teñan un pouquiño deben pagar un pouquiño, e o que teña moito debe pagar o custe real do servizo. É así de sinxelo, porque se non, isto non se sostén.

-Vostede necesita apoio doutras forzas. Cos salarios non houbo problemas, pero, ¿pensa que co resto que vai ser difícil?

-Co resultado, os veciños dixeron que había que ter un diálogo permanente coa oposición. E no referinte aos acordos que xa houbo, teño que dicir que Vedra é un sitio diferente. Independentemente das rivalidades políticas, hai boas relacións entre partidos. Niso ten que ver como somos a xente de Vedra. Cando se propoñen cousas razoables, todo o mundo é razoable.

-A verdade é que as retribucións fixadas en Vedra son as máis xustiñas da comarca...

- Nós, na oposición nunca dixemos nada das retribucións, que se manteñen. E penso que deben de ser, se non as máis baixas, si das mais baixas de Galicia e da Coruña. No meu caso son 26.900 euros brutos anuais.

-Tendo en conta que na zona hai case quen lle duplica o soldo, ¿pensa que debería haber algún tipo de regulación?

-Paréceme moi ben que se regule o que cobran os cargos públicos, sobre todo nun momento no que estamos pedindo ás familias e a todo o mundo que se sacrifique. A verdade é que como alcalde non tes un día libre, e aínda que iso é algo do que moita xente non se dá conta, de aí a que cobren máis ca un conselleiro... Hai que regulalo.

entrevista carlos martínez carrillo, alcalde de VEdra (partido popular)