O casco antigo de Santiago, repleto de xente e espectáculo

iria Ameixeiras SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Os cabezudos e os gaiteiros, os máis aclamados na mañá do 25 de xullo

26 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Ás doce da mañá, aínda non amenceran de todo as rúas de Compostela, pero Josiño da Teixeira, xa facía soar o seu tambor. Ía pola rúa de San Pedro camiño da manifestación, aínda que para el «o día da patria son todos os días». Un pouco máis adiante, nun dos bancos da praza 8 de Marzo, estaba sentado Manuel Quinteiro. Mira pasar «a uns e a outros», pero parécelle que este ano «falta moita xente». Despois irá a dar unha volta pola zona vella a ver os cabezudos e celebrar o 25 de xullo coa familia.

Os cafés da zona vella, comezan a encherse, pero a Ana Domínguez, xa non lle dará tempo a sentarse coa súa familia nunha das terrazas porque o avión a Madrid sae esa mesma tarde. Insiste en que os fogos da noite do 24 foron «impresionantes». Pola Rúa Nova, un saxofón adiántase ao resto da banda de gaiteiros, que nuns minutos encherá Praterías para facer bailar aos cabezudos. Pablo Seoane sostén a súa gaita mentres explica que o festexo do día do Apóstolo lle parece «que hai que levalo a cabo dentro do significado que ten». Aínda Seoane non rematara de falar cando comezaron a soar as campás da catedral.

Eran as 12.30 e unha congregación dunhas cincuenta persoas esperaban frente á Porta Santa para ver bailar ós xigantes. Hortensia Botana está contenta, pero este ano «as festas non foron moi brillantes». A ela gústalle que haxa xente por Santiago, e estes días «hai moita». Tanta, que ás veces lle custa entrar nas prazas, e no seu paseo de días de sol «ando batendo no mundo». O Jazzman de Compostela está a un paso das escaleiras de Praterías e unha parella baila coa súa melodía. A bailarina, Conchi Domínguez, de Canarias, está «de peregrinación» e vai camiño de Fisterra. Gústalle o sol e a «música», por iso move os pés ao escoitar as gaitas. Os cabezudos, algúns vestidos con refaixo e mantón de manila, fan un corro cos nenos fronte á Casa do Cabildo. O camiño a través das escaleiras é angosto.

Polo Vilar entran os primeiros manifestantes dando berros a prol do idioma galego. Os turistas sácanlles fotos e diríxense ao Toural, onde o grupo Aires de Compostela tempera os seus instrumentos. Na Alameda hai postos con camisolas, pins, galicolas, un neno que lle pide a súa nai que lle merque un globo e un posto de libros. «Aquí temos pequenos tesouros en galego», di a libreira. Pese a que cada vez vende menos, opina que é interesante instaurar este «xiro cultural» nas romarías galegas.

Xantar o 25 de xullo

Á hora de comer, moita xente afíncase nas terrazas da rúa do Franco, onde se ve saír aos camareiros con marisco e pescado galego. Outros, coma a poeta Celia Parra, diríxense á carballeira de San Lourenzo para degustar polbo ou churrasco. Para ela, a celebración do 25 de xullo é importante «nun momento no que ser galego está tinguido de connotacións pexorativas».