«Oposición radical» ao plan Boloña

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

08 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O profesor Barreiro Barreiro é moi crítico co plan Boloña.

-Sempre tiven oposición radical. Cando aquí comezou ese proceso estaba Xosé Sordo de vicerreitor e fixemos un plan estratéxico do departamento, moi crítico. Nunca máis se soubo del. A desgraza do plan Boloña é a incorporación posterior, coa introdución de elementos de tipo mercantilista e neoliberal. Porque a educación non é unha mercadoría, é un dereito. A Universidade non é unha empresa, e non podemos introducir como único criterio de valor e avaliación a rendibilidade. E os estudantes non son clientes, consumidores. Son usuarios dun servizo público.

-¿Que futuro ve para as Humanidades?

-Son as peor paradas. Filosofía e outras disciplinas, ¿que podemos vender no mercado: libros, títulos? Debe haber un espazo para que subsistan con dignidade as chamadas ciencias humanas, dentro dun reparto global dos recursos, que é normal beneficie as ciencias con prácticas de laboratorio, máis caras.

-Leva 40 anos na USC, ¿como mudou a institución?

-Dediquei un traballo a facer a historia da Facultade de Filosofía, que tivo seis etapas no meu tempo. Resumo o período en tres palabras: nomadismo, por ter varias sedes; segregación das titulacións, e compromiso, por concibir o centro como un conxunto de tres elementos: profesorado, alumnado e PAS.

-¿Que implicación tivo o alumnado nese tempo?

-Tiven un trato moi próximo. Fun o primeiro decano, penso que en España, que incluíu no equipo de goberno a dous estudantes, no tempo do reitor Carlos Pajares. Foi unha experiencia moi bonita e satisfactoria.