«Non se fai política, só se pensa en función das eleccións»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Unha nova homenaxe na facultade lembra a súa obra e traxectoria

08 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«Fun o decano que batín o récord en democracia, porque estiven 3 mandatos», afirma Xosé Luís Barreiro. Após se xubilar como catedrático de Filosofía recibiu honras, entre elas a edición dun volume de homenaxe por parte da USC con estudos dedicados a el, co significativo título de Fidelidade á Terra. Agora continúa como emérito, e estes días ten un novo recoñecemento: unha exposición sobre a súa traxectoria no vestíbulo da propia facultade.

-Principia unha nova campaña electoral, ¿hai moita filosofía e pensamento na política actual?

-No noso país, en xeral, non hai realmente políticos; agora xa non se fai política, só se pensa en función das eleccións. Non se ve a política como a mellora dos asuntos públicos, que era a ocupación máis digna que podía ter unha persoa, que supuña unha vocación, non unha dedicación na procura doutros beneficios; e só se fai unha propaganda política que se ve todos os días nos diversos parlamentos, pensada en programas de actuación, en promesas, en función de gañar unhas eleccións. Non se recoñecen as actuacións positivas: iso indica que non se traballa polo ben común senón por estar no poder, e para iso o fin xustifica os medios. E a conclusión é clara: a ética ten pouco que ver coa política actual.

-Investigou varios países e séculos, e iniciou a materia de Pensamento Galego, ¿como valora o que se fixo durante ese período docente?

-Pensamento Galego comezou como unha optativa en 1979, en quinto curso, e era das que máis demanda tiña. Conservo uns 200 traballos de estudantes, e algúns foron publicados como artigos ou libros. Despois, o perfil da miña cátedra foi Pensamento e Discurso. A Filosofía en Galicia, porque hai pensamento máis amplo que só o filosófico. O ano pasado aínda me chamaron para ofrecer docencia.

-¿Vai continuar?

-Agora está refundida nunha nova materia como Filosofía Española e Galega, é o resultado do proceso de Boloña. Antes Filosofía Española era independente.

-Tamén iniciou colaboración coa Universidade do Minho, ¿terá continuidade?

-Si, comezou en 1999 e continúan os simposios luso-galaicos de filosofía. O noveno encontro correspondía precisamente este mes, e os portugueses propuxeron adiar a celebración para outubro. Será sobre a República.

-¿Ten pensado participar?

-Si, como estamos no 125 aniversario do nacemento de Castelao preparo un traballo sobre a utopía da terceira República de Castelao, porque a segunda fracasou.

-¿Que perspectiva ve ao relacionamento galego con Portugal?

-Aquí a principal colaboración é coa Universidade do Minho, en Braga; aínda que tivemos contactos coas de Porto, Santarém, ou a Nova de Lisboa. Co Norte de Portugal houbo unha relación histórica, da xeración Nós, a de Castelao e Vicente Risco, con Teixeira de Pascoaes e co grupo Renascença; houbo máis colaboración da que hai hoxe, e está a ser investigada. A relación actual non busca un pensamento identitario, estúdao nas relacións históricas.

XOSÉ LUÍS BARREIRO BARREIRO PROFESOR EMÉRITO DE FILOSOFÍA DA USC