Correlingua inicia en Santiago a demanda de máis uso do galego

santiago / la voz

SANTIAGO

O colexio Ramón Cabanillas gañou o premio de animación

03 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Uns 4.000 escolares de 25 centros educativos de Compostela e comarcas próximas iniciaron onte unha nova edición do Correlingua, que dinamiza as xornadas previas ao Día das Letras Galegas para demandar máis uso social do galego. Nas próximas xornadas outras 14 probas están programadas no país, as últimas en Ourense e Monterrei. Na de Compostela, o premio para a mellor animación foi gañado esta vez polo colexio público Ramón Cabanillas da cidade, que levou 125 escolares, que se fixeron notar con cantos e outras actividades.

Dous estudantes do instituto Xelmírez I leron o manifesto do Correlingua 2011, elaborado por alumnado do IES Agra de Leborís de Laracha: tiña como lema «Palabra de lebre», e finalizaba conxugando o presente de indicativo do verbo ser: «Son, es, é, somos, sodes, son galego».

«Exercer como galegos»

O lema «En galego sempre somos» foi dos máis repetidos este ano. Un amplo grupo do Xelmírez II foi o último en abandonar a praza do Obradoiro, onde se celebrou o acto final, con actuación da banda de rock Zenzar e o mago Martín Camiña, e cun espectáculo que contou coa intervención de estudantado de diferentes centros.

Nese acto final participaron as edilas Elvira Cienfuegos e Guadalupe Rodríguez, do Concello de Santiago; Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino; e Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

Correlingua continúa hoxe, no Baixo Miño. A AS-PG, o sindicato CIG, A Mesa, as deputacións de Lugo, A Coruña e Ourense; e os concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago, Vigo, Ames e Teo patrocinan o acontecemento de carácter lúdico-educativo, que pretende reivindicar «o dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e como galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro».

Para iso dan protagonismo á xente máis nova, para que «sexa activa no proceso de normalización», segundo indican.