Diálogo entre imaxe e palabra na mostra de Baldo Ramos

M. Beceiro SANTIAGO

SANTIAGO

O artista reflexiona sobre a conexión de pintura e poesía no seu último libro

28 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O poeta e artista plástico Baldo Ramos presentou na Biblioteca Pública Ánxel Casal o seu último libro A ferida de comprender nun acto no que estivo acompañado da súa obra pictórica, Os ollos das palabras, unha exposición que rematará o próximo luns. A obra pictórica deste artista de Celanova foi exposta en diferentes galerías galegas do país e ten servido para ilustrar numerosos libros, revistas e plaquettes. Baldo Ramos utiliza o soporte papel para expor o diálogo entre a imaxe e a palabra, creando obras de arte nas que o texto convertese nun elemento pictórico máis, sen importar o contido, só a súa función visual no conxunto da obra. Raíz do voo, As follas da memoria, Ut pictura poesis, Signos de cinza ou Branco sobre negro son algúns. dos seus libros de artista.

En A ferida de comprender, segundo Baldo Ramos, hai unha grande relación entre a obra literaria e a exposición que se pode contemplar na Biblioteca Ánxel Casal. Nas dúas primeiras partes do libro o artista fai unha reflexión sobre os puntos de conexión que ve entre arte, pintura, caligrafía, escrita e poesía. «Estas partes son as máis reflexivas deste traballo feitas nestes últimos anos. Son textos que escribo a medida que fago distintas exposicións», explica Ramos. Na Ánxel Casal hai precisamente unha mostra de libros de artista que constitúen exemplares únicos, polo que viña a conto a presentación dun libro que trate eses aspectos. «De feito -comenta o artista- eu traballei o formato de libro de artista como soporte que xunta esas dúas caras: a literaria e a plástica, que me interesa moito. O libro de artista proporcióname ese soporte, porque son libros que serven para ler, que inclúen textos meus pero, ao mesmo tempo, son obras de arte para ver».

Baldo comezou a escribir poesía aos 17 anos, mais non publicou seu primeiro libro ata os 30 anos. O seu proceso poético foi madurando ata que sentiu a necesidade de facer caligrafía. Agora, para el, caligrafía e poesía «son artes complementarias». «Moitas veces cando escribo poesía pídeme unha imaxe, unha certa plasticidade. A veces a poesía pide máis que simple letra, e a veces teño traballado a poesía visual porque necesita extensión e espazo. Para min, as dúas son complementarias porque as simultáneo». O artista confesa que a súa pintura caligráfica ten puntos de conexión coa oriental, pero que a súa experiencia non ten «ningún afán mimético» senón que xurdiu «por unha necesidade de ampliar os espazos dos poemas» que lle piden ese carácter máis visual e xestual. Mentres, a súa última poesía sigue tendo esa mesma poética existencial, «preocupada pola vida, polas raíces e a memoria».