O coñecido contacontos, agora concentrado en «Memorias das memorias dun neno labrego», volve sempre que pode aos agochos da súa infancia, en Vigo
| A Cándido Pazó (1960) gústanlle os lugares altos, con horizonte. «Coma as cabras», ri. Lugares para ver («mirar») cos ollos da cara e tamén cos da alma. Imaxes cargadas de memoria que, á vez, permitan unha revisión do presente. Por iso elixe e amosa recunchos ligados á súa infancia: o primeiro, «o alto de San Bartolomeu», no monte Alba (parroquia de Valadares, en Vigo). Preto está tamén o monte Cepudo. Alí, ademais dunha bonita capela, hai unha boa panorámica das Rías Baixas ou do Val Miñor. E ata alí ía o Cándido neno, coa familia, nunha desas romarías de verán que agocha Galicia. «Chegaba moitísima xente andando, dende moi lonxe. Para min era coma unha excursión, monte arriba». Continuou indo moito tempo e, agora, sempre que pode e o día está claro, volve. «Séntome alí, tranquilo, simplemente deixándome empapar pola vista». Esa vista inclúe algunha que outra vaca solta. Son parte da paisaxe. Da boa paisaxe.
Outro lugar de acubillos para Cándido é o outeiro do muíño do Vento, na súa propia parroquia: San Paio de Navia, tamén en Vigo. Xa nos seus primeiros anos (e nos primeiros dos seus ancestros) non era muíño, senón ruínas de tal cousa. «Teñen o seu propio encanto. Será do século XVII ou XVIII, pero ata alí subiamos os rapaces a botar cometas. Había unha brisa do mar que as facía voar moi ben», lembra. Eran xogos da infancia nun lugar que hoxe cría xa inaccesible. Pero non. «Levei unha boa sorpresa. E a forma física de subir polas pedras do anaco de muíño que queda en pé é a mesma que cando era un neno». O sitio ten, a maiores, a maxia da exclusividade.
Agora ilusionado con Memorias das memorias dun neno labrego [o 28, en Compostela], adaptación da obra de Neira Vilas e monólogo escénico-narrativo no que el, ademais, é o director e único actor, Cándido ten ocupadas moitas fins de semana. Pásaas de actuación en actuación, de conto en conto, así que cando ten libre, gústalle andar pola casa. Na actual e na da infancia, preto destes lugares que ensina.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios