«A cultura galega ten hoxe unha vitalidade moi forte»

Joel Gómez SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

Afirma ter visto nesta visita a Compostela «unha gran conciencia lingüística e defensa da identidade galega»

13 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Este prestixioso lingüista brasileiro integrou o comité científico do simposio anual organizado polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e foi convidado para a sesión da presidenta do Instituto Camões no Consello da Cultura Galega. É a segunda vez que Dante Lucchesi visita Compostela, a anterior foi hai 21 anos. Afirma ter visto nesta ocasión «unha gran conciencia lingüística e defensa da identidade galega».

-¿Ve semellanzas entre a situación da lingua no Brasil e aquí?

-No simposio do ILG falei do contacto de linguas na orixe do portugués do Brasil. A fala popular brasileira aínda conserva pluralidade étnica, do contacto do portugués coas linguas indíxenas e africanas. E no meu país a lingua ten sido usada como instrumento de exclusión e dominación social, coa discriminación da fala popular. O galego, coa democratización e as conquistas sociais, pasou de unha situación de diglosia no franquismo, cando era só lingua doméstica e familiar, ao bilingüismo actual, pola maior presenza na comunicación social, documentos oficiais e outras esferas a que se incorporou.

-¿Dependen moito as linguas do apoio dunha lexislación que as favoreza?

-É esa unha cuestión delicada, porque a lingua reflecte as relacións sociais. No franquismo a lexislación era contraria ao uso do galego; e a sociedade galega, en gran parte de maneira oral e non letrada, non urbana, creaba un universo sociocultural que favorecía a transmisión e a conservación do galego. Hoxe a lei favorece máis o idioma galego, e penso que ten agora máior fraxilidade que cando a lei non lle favorecía no tempo do franquismo.

-¿A que atribúe iso?

-Porque ao se urbanizar e modernizar a sociedade galega propiciou a penetración do castelán máis intensamente.

-¿Que impresión leva desta semana galega?

-Da lingua galega levo a impresión dunha realidade de gran complexidade, porque a convivencia das dúas linguas no tempo de imposición do castelán fixo que a galega incorporase vocabulario e construcións casteláns que moitas persoas asumen agora como propias da súa identidade, cando outras son contrarias a esas interferencias. Alén diso, verifiquei como a cultura galega ten hoxe unha vitalidade moi forte, fiquei impresionado do seu refinamento e sofisticación.

-Brasil terá a primeira presidenta, ¿en que situación está o país agora?

-O goberno de Lula da Silva non atacou directamente os grandes intereses económicos do Brasil, e foi criticado porque a elite brasileira non admite ceder nada os seus privilexios. Os programas sociais nos últimos anos foron moi importantes, e 30 millóns de brasileiros saíron da pobreza.