Negreira esixirá cunha xornada de música de protesta a creación do conservatorio para Barcala

E. F. NEGREIRA/LA VOZ.

SANTIAGO

22 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A plataforma Máis Música para Negreira convoca unha asemblea aberta para o vindeiro día 28 deste mes, ás oito da tarde na Casa da Cultura, co obxectivo de ir argallando a súa primeira actividade do curso. Trátase de repetir, desta volta en Negreira, a experiencia vivida o 22 de novembro de 2009, enchendo de música do Val de Barcala algúns espazos da zona vella de Compostela para reivindicar que se lle conceda a Negreira o Conservatorio Profesional de grao medio.

Será esta vez na propia vila de Negreira o sábado día 20 de novembro. «Nesta ocasión aínda se fará unha festa máis grande porque aos músicos que nos acompañaron na capital de Galicia haberá que engadirlles agora algúns máis, incluso algunha orquestra», segundo salienta o seu portavoz, X. Amancio Liñares Giraut. De feito, colectivos musicais que non puideran estar en Santiago naquela ocasión «xa nos confirmaron a súa participación, e incluso haberá músicos de fóra da comarca», iso si, simpatizantes coa causa defendida por Máis Música.

A idea, para a que xa contan co apoio do Concello, e novamente nunha data próxima á da patroa dos músicos, de «encher con actuacións musicais, e unha recollida masiva de firmas, as rúas, prazas, auditorio e locais hostaleiros da vila, dende a mañá á noite», di Liñares. Con pasarúas, concertos, actuacións nos diversos espazos da vila e mesmo cunha verbena amenizada por unha orquestra local.

Se as condicións meteorolóxicas desa xornada desaconsellasen estas actividades musicais ao aire libre, a outra opción que manexan «é facermos un maratón de música no auditorio da Casa da Cultura, no novo auditorio do Centro Cultural, e en varios locais hostaleiros da vila ata ben entrada a noite», segundo o seu portavoz.

A idea que manexan é que a mocidade barcalesa e da contorna goce desa noite de sábado quedándose en Negreira para que soe novamente «con forza» esta demanda educativa e cultural, e que o Conservatorio de Música Profesional sexa unha realidade coa súa posta en marcha no vindeiro ano 2011.

Así pois, insisten na necesaria participación activa e solidaria dos músicos de toda a comarca, do traballo da plataforma Máis Música, e do apoio ofrecido xa polo Concello de Negreira e outras entidades, así como da colaboración da mocidade e da veciñanza en xeral.