«A miña vida en Santiago empezou como profesora en 1971 en Económicas»

Concha Pino SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

Era dirixente do BNPG cando foi dos expulsados a mediados dos 80 «porque non admitían o debate e a discrepancia»

16 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Ser ferrolá e filla de militar non domou o carácter loitador e irredutible de Manuela Fraguela Seoane. Se decidir estudar o bacharelato non fose abondo, empeñarse en estudar Económicas supúxolle perder un ano para incorporarse á Universidade, «porque por riba en Santiago aínda non existía esta carreira e tiven que ir a Madrid, o que aumentaba os inconvenientes que xa poñía meu pai, que o que quería era que traballara na intendencia da Armada».

Manuela veu para Santiago en 1970 co home co que casara, Ramón López Suevos, e incorporouse como profesora non numeraria á recén creada Facultade de Económicas en 1971, na que foi profesora contratada ate 1984. «Acababa de separarme e a situación era tan precaria que non sabías se ías ter contrato ou non o curso seguinte, ni por canto tempo, así que decidín opositar a secretaria da administración local». Conta que da súa promoción eran once galegos e «e tivemos que irnos fóra de Galicia porque a maioría das prazas que había eran na provincia de Ourense, e como o destino era provisional tiñamos que ter o visto bo do alcalde, cousa que neste caso dependía do presidente da Deputación, polo que non houbo maneira».

O primeiro ano estivo nun concello de Zamora e o segundo veu para o de Negreira, «grazas a Xerardo Estévez, que me avisou que había unha praza que ocupei ata que se reincorporou o secretario titular, que estivera expedientado». De alí foi ao de Narón e despois a Xunta deulle entrada á funcionarios doutras administracións, «así que dende o 88 estiven no Instituto Galego de Estatística, e na etapa do bipartito na Consellería de Industria e Innovación, nos dous casos como subdirectora xeral».

O percorrido profesional e laboral de Manuela Fraguela foi paralelo a unha traxectoria de compromiso e militancia política no nacionalismo até mediados dos oitenta, e despois de tipo persoal e vital lonxe de calquera organización partidaria dende aquela. Hoxe, cando é dona do seu tempo sen as obrigas laborais, mantén a colaboración que iniciou hai xa algúns anos co Proxecto Home, «no que me impliquei dando clase a persoas que precisaban obter o graduado escolar», e vai a clases de informática, de francés e de taichí.

Militancia e compromiso

A rebeldía daquela moza filla dun militar non quedou na rara decisión naqueles anos de estudar Económicas, políticas e administración de empresas. Entrou en contacto xa no instituto con grupos políticos clandestinos, unha actividade que se intensificou en Madrid, «malia que meu pai me tiña moi ameazada, e despois souben que nos peores momentos incluso vixiada, porque meu pai tiña a posibilidade de establecer redes non sociais». Pero alí empezaron os contactos cos grupos estudantís, «nas pelexas para botar abaixo o SEU, e grupos galegos».

Xa en Santiago Manuela Fraguela entra en contacto coa UTEG (Unión de Traballadores do Ensino) e na ANPG, «a única organización na que militei, e ademais compracida». Era a organización frentista que había daquela, «e para presentarse as primeiras eleccións da democracia formou coa UPG o BNPG (Bloque Nacional Popular Galego), cousa que convén lembrar, porque me molesta escoitar en boca de Beiras, de Encarna e doutros que o Bloque o fundaron eles, cando para ser respectuosos coa historia terían que dicir que ao BNPG sacáronlle o de popular, e non vou a valorar se esa era a mellor alternativa e se nese momento había que facer ese cambio. O que me molesta é que dan a impresión de que non houbo nada detrás».

Ela foi cabeza de lista pola provincia da Coruña ás primeiras eleccións xerais, «e non quedamos tan mal». Despois entrou no Concello de Santiago pola mesma fronte. Foron catro intensos anos e con moitos problemas a nivel político e persoal para Fraguela «porque non había unha cultura política, e no Bloque non entendían que confraternizaramos cos concelleiros doutras formacións, non entendían que había que negocialo todo. Sempre lles dicía que tiñan que analizar se o que acababamos votando era consecuente ou non, porque o non polo non eu non o aceptaba».

No 23-F o seu era un dos nomes nas listas dos golpistas, pero non o soubo ate o día seguinte. Por iso di que lle ten que agradecer a Souto Paz que a chamara dicindo que lle mandaba un coche para que fose ao Concello «porque estaría máis segura, pero non aceptei porque non me atrevín a deixar aos nenos, que estaban asustados».

Non repetiu, malia ser unha respectada concelleira, porque houbo un conflito interno no BNPG que acabou coa expulsión dun bo número de militante e dirixentes coma ela, «porque non aceptaban o debate nin a discrepancia, e o lamentable é que se segue sen abrir ese debate. Crucificábante e pasabas a ser o inimigo acusándote de pequeno burgués. Houbo unha persecución incluso psicolóxica, con aptitudes insólitas de amigos persoais, porque había medo, e imposicións que afectaban a miña vida privada e persoal. A xente non se volve tan mala da noite á mañá, que foi como pintaron a moita xente. Por iso non quero saber nada de partidos, listas pechadas, nin organizacións illadas da realidade».