«Trato de reducir á metade os postos de confianza»

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

04 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Casares Long é o primeiro reitor dos últimos cinco que non pertence a ningunha plataforma docente.

-A actualidade universitaria estivo marcada polo anuncio de disolución da plataforma docente de Senén Barro.

-Cando o lin tiven unha mestura de sentimentos, porque foi un proxecto que se iniciou hai case trinta anos e que ilusionou a moitísima xente nos anos 80. Hai que velo como algo que no seu momento foi dinamizador da vida universitaria. Cando as cousas, segundo eles din, mudaron neste momento, teño ese sentimento de que si que contribuíron no seu momento e que despois, como case todos os proxectos humanos, reformúlanse ou toman outros rumbos.

-Houbo declaracións no sentido de que o novo reitor e o seu equipo funcionan de facto como unha plataforma.

-Non funciona como unha plataforma. Eu vexo que a comunidade universitaria nos encomendou unha tarefa: liderar o goberno da USC nos próximos catro anos, e nós imos traballar para todos. Imos cambiar a forma de facer as cousas, porque entendemos que é importante. Somos un grupo de xente que se sinte preto dunha proposta de goberno, pero nada máis.

-Entre os cambios está a estrutura de goberno.

-Fixemos unha redución pero entendemos que non se pode facer unha redución enorme, porque hai que gobernar moitas cousas na Universidade. O que si que estou a facer é reducir as persoas de libre designación. Estou tratando de reducilos á metade de partida, pero aínda queda algún por cesar e nomear e en todo caso quedarán reducidos significativamente. Penso que será posible chegar a esa metade.