«Que esta Facultade de Medicina teña que ser a de máis alumnos de España sorprende»

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

04 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Na campaña, Casares Long foi un dos máis críticos coa oferta de másteres da USC.

-Non critiquei. Deixei moi claro que o Goberno central nos demandou un esforzo fóra de tempo e fóra de lugar. Fíxonos facer a oferta de posgrao primeiro e logo o grado. Era facer a casa polo tellado e polo tanto agora teremos que adaptar o que fixemos cos másteres e as licenciaturas aos graos. Como estaba feito noutro entorno, agora mesmo o que temos que facer é aproximar, utilizar esa oferta e posiblemente modificala, cambiar os contidos, para adaptala ao grao, que é o obxectivo a longo prazo.

-E o máis polémico dos másteres é o de profesorado. ¿Haberá máis prazas?

-Algo está cambiando. O número de prazas non é igual para o próximo curso e o máis importante é a redistribución dentro dos distintos itinerarios. É o primeiro paso para reconducir unha situación que deu lugar a moita polémica, porque podes facer un itinerario de seis e outro de 34. Os de seis están contentos porque saben que non vai haber máis e cos 34 aproximas máis a demanda.

-Se ese é o primeiro paso, ¿cales serán os seguintes?

-Os seguintes pasos, como todo, é ver como evolucionan as cousas. Temos que ver se a demanda se axusta de verdade ás necesidades de renovación nos centros de ensino secundario. Probablemente non haberá máis que as renovacións dos xubilados. Non penso que vaiamos medrar moito en prazas porque demograficamente tampouco estamos medrando e economicamente estamos peor.

-Terá que lidar con 50 prazas máis en Medicina

-Penso, e sempre o dixen, que non hai razóns obxectivas para incrementar o número de prazas de Medicina. Dígoo con toda a sinceridade e con todo o respecto pola decisión, que foi unánime, do Parlamento. Penso que non tiñan a información suficiente e tomaron unha decisión que non se corresponde coas necesidades reais. Probablemente teñamos algún déficit nalgunha das especialidades e hai que buscar fórmulas para solucionalo, pero non aumentado prazas. Que a Facultade de Medicina de Santiago sexa a que máis alumnos ten en España, pois sorprende un pouco.