Hórreo. Menos formigón, máis bulevar

Xosé Ramiro Sánchez Carro, Juan José Tur McGlone e Carlos Higinio Esteban Crespo

SANTIAGO

06 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

En xaneiro de 2008, un equipo de arquitectos interesados pola paisaxe urbana iniciamos un proceso de revisión do proxecto do túnel do Hórreo. A obra está promovida polo Ministerio de Fomento e ten un orzamento de 22,6 millóns de euros. A construción do túnel mellorará a fluidez do tráfico da cidade e ofrece unha magnífica oportunidade para a recuperación para os viandantes dun grande espazo ocupado polos automóbiles. Esta obra é a primeira fase dunha reestruturación urbana en todo o sur de Santiago, que se leva adiante mediante unha serie de proxectos urbanísticos de diversa natureza: o parque de Brañas do Sar, a estación do AVE, a reforma da rúa do Hórreo e a reforma da praza de Galicia. Esta reestruturación permite mellora-la comunicación entre os barrios de Pontepedriña e Sar co centro, separados actualmente pola circunvalación e o ferrocarril. Así que O Hórreo, reforzarase como un lugar central e vertebrador en Santiago.

En xulio do mesmo ano o Concello de Santiago encargounos a redacción dunha proposta de urbanización alternativa á do proxecto orixinal. Abordamos esta proposta cun obxectivo claro: transforma-lo Hórreo nun lugar especial cunha masa de árbores e cheo de vida. Pensamos que O Hórreo ten que ser un bulevar, un espazo amplo, un paseo de 400 metros de longo por 15 de ancho, un lugar á sombra para desfrutarlo nos días de sol, arboreado para leva-la alegría e a naturaleza á cidade, un tapiz empedrado e un lugar noble de acollida aos viaxeiros. O Hórreo converteríase nun dos paseos con árbores máis grande de Santiago e nun lugar axeitado para o xogo dos nenos e para o descanso e disfrute da xente nova e dos maiores. Para levar adiante esta proposta eran necesarias dúas cousas: reducir ao máximo a superficie destinada ao tráfico e coseguir as mellores condicións para a plantación e o crecemento das árbores sobre os túneis. Ambas cousas eran posibles porque había tempo suficiente para facer os axustes necesarios no proxecto orixinal antes de inicia-la obra.

O pasado día 10 de maio o Ministerio de Fomento e o Concello de Santiago presentaron unha nova proposta de urbanización, na que ambas Administracións renuncian ao bulevar. Nesta nova proposta o ancho do paseo redúcese de 15 a 9 metros e non se plantarán árbores. Pérdese así unha oportunidade histórica para recuperar O Hórreo para a cidadanía. O Ministerio e o Concello deben lembrar non só o seu compromiso cos veciños senón tamén que está en marcha a obra pública máis importante que se está a construir no centro de Santiago, e por iso esta obra ten que aportar ao espazo público a excelencia e a calidade propia dos espazos públicos máis fermosos de Santiago. A solución definitiva do proxecto ten que atopar un equilibrio entre as necesidades do tráfico e as dos veciños. Isto é posible. E tamén é posible a plantación de árbores sobre un túnel. Estas árbores poden medrar e ter un porte de ata 12 metros. Na praza de Galicia hai árbores desta altura plantados sobre un aparcamento subterráneo. ¿E que sería da praza de Galicia sen árbores?

Cremos como cidadáns e como urbanistas que O Hórreo merece un proxecto que poida cumplir estas expectativas. O Hórreo ten que voltar a ser unha senda que una o centro e a periferia, ten que poder ser un lugar de encontro, ten que servir de balcón dende o que poder contemplar a nosa cidade e o noso río. E ten que ser un bulevar con árbores, cheo de vida.

Coa esperanza de que nun futuro os composteláns poidamos disfrutar cada vez máis e mellor das nosas rúas e prazas, debemos aproveitar esta oportunidade. Estamos a tempo e temos loitar por elo.