«Fai falta unha planificación sobre os achados, porque agora actuase algo desalabazadamente»

X.M. Cambeiro SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

30 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

María Abelleira Méndez é especialista e profunda coñecedora do entramado histórico da cidade.

-Son moitos os restos que están aparecendo

-É extraordinario. A mágoa é que a présa por rematar fai que no lle dea moito tempo aos profesionais da arqueoloxía para desenvolver o seu traballo, para visibilizar e estudar os restos con mais detemento. A présa non permite afondar na análise duns vestixios que axudan a coñecer a antiga cidade e que supoñen unha información complementaria para os arquivos e a documentación histórica existentes.

- Son novas aportacións da historia de cidade. -O ideal sería que se recollesen por escrito. Non hai publicacións que recollan eses traballos dos equipos arqueolóxicos e dos historiadores, e co tempo estes esquécense, van a outro traballo e a cabeza non da para almacenar todo. É necesario relacionar todos os achados e que se publique o que vai a aparecendo.

- De feito, hai un cúmulo de materiais e documentación de diferentes achados. -Claro, pero é preciso facer logo un traballo máis a fundo de documentación porque hai aí un acervo cultural que debe aflorar. É unha mágoa que iso se perda. Se queremos unha cidade cun aceptable nivel cultural non podemos limitarnos a reflectir as festas ou eventos. Pódese facer divulgación do patrimonio e darlle unha continuidade a ese labor. Até agora, o achado da muralla foi o único caso de publicación. As concellarías tiñan que unirse para iso. Mesmo o Consorcio, que non publica nada do que vai aparecendo. Hai un ensimesmamento institucional.

- É difícil ralentizar ó proceso de tratamento dos restos. -Si, é difícil. Faise necesario plantexar as cousas con sensatez, nin todo a présa nin moi ralentizado. Hai que racionalizar ese proceso. O importante é que os arqueólogos fagan o seu traballo sen tanta presión.

- Os promotores afectados tamén sofren polos paróns -A administración tería que axudar á persoa que ten un achado de xeito que non se destrúa ese patrimonio. Debe apoiala con subvencións para que poña en valor os restos.

- ¿Os restos tapados ou ao descuberto? -Non todo consiste en acristalar ou en tapar. Ten que haber unha planificación cuns criterios técnicos de selección dos elementos importantes e representativos, de forma que se saiba o que hai que tapar ou descubrir. E logo que os arqueólogos teñan tempo, medios, confianza e certa liberdade para actuar.

- Ou sexa, que se actúa un pouco deslabazadamente. -Si, e tápanse restos sen unha publicación en quente. É necesaria unha divulgación e unha pedagoxía para o público en xeral. Sería unha batalla perdida se percibimos a arqueoloxía como algo negativo.