«Na creación do Sistema Universitario Galego ás veces quizais faltou colaboración e sobraron protagonismos»

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

19 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Todos os candidatos a reitor salientaron no seu momento que a campaña da primeiro volta fora moi limpa e mesmo afectuosa entre eles. Tamén Juan Casares Long.

-Penso que os sete candidatos actuamos como universitarios, con moita corrección, como non podería ser doutro xeito. Ter recibido o maior número de votos e converterme na primeira opción da Universidade foi froito do traballo presentado e da súa aceptación pola comunidade universitaria.

-¿Cre que ten sentido a existencia de tres universidades nun país de menos de tres millóns de habitantes e con crecemento vexetativo negativo?

-Hai 20 anos, cando se decidiu segregar a USC en tres, parecía que era o único xeito de mellorar a xestión e a oferta universitaria. Quizais faltou colaboración e amplitude de miras nalgúns momentos e sobraron protagonismos persoais e localismos. Pensando no presente e no futuro é imprescindible moita máis colaboración e sentido común para acadar un sistema universitario galego moito máis eficiente.

-¿Coñece cal é a débeda real da USC?

-Nas últimas semanas tivemos coñecemento dos datos relativos á débeda bancaria e aos préstamos brandos (anticipos reintegrables) que foron medrando a débeda da nosa Universidade nos últimos anos. Para responder completamente á túa pregunta remítome á acción concreta do meu programa na que nos comprometemos a trasladar á comunidade universitaria a imaxe fiel do estado financeiro da USC.

-Ante a actual conxuntura económica, ¿continúa a súa intención de promocionar á totalidade de aspirantes a cátedra?

-A promoción persoal dentro da carreira profesional na Universidade non supón incremento de prazas senón o lóxico recoñecemento do traballo ben feito. Ata o momento non supuxo incremento dos orzamentos porque se compensou con creces coa transformación doutras prazas de profesorado e entendo que en boa medida así seguirá a ser.

-¿Que vai facer con centros como o CETA?

-A Universidade como servizo público debe buscar o beneficio social. Todo aquilo que o mellore ten cabida. Todo aquilo que supoña única e exclusivamente beneficio económico e mesmo competencia desleal co sector privado non ten sitio na miña concepción de Universidade pública.

-¿Que opina sobre os contratos Ramón y Cajal e Parga Pondal?

-Son os Ramón y Cajal e Parga Pondal figuras do máximo interese para a mellora da calidade investigadora. Seguirei coas medidas de consolidación establecidas ata o momento, mesmo ampliándoas a outras figuras.