«Un dos problemas é a escasa visibilidade do que se fai»

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

29 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Mercedes Brea quere implantar na USC unha estrutura de xestión moito máis áxil.

-A USC está excesivamente burocratizada pero no é un problema exclusivo da nosa Universidade. Tamén é certo que ás veces nos complicamos innecesariamente e que hai procesos administrativos que poderían ser simplificados sen romper demasiado a cabeza. Por exemplo, non ten sentido que teñamos que utilizar unha aplicación informática para cubrir o plan de ordenación docente, imprimilo, que o asine o director e ilo entregar a rexistro cando xa está implantado o sistema de sinatura electrónica. Ademais de simplificar pretendemos que sexa realizada polos profesionais. Hai xestión que asume o PDI que non lle compete porque hai persoal cualificado entre o PAS.

-Anunciou que se presentaba para recuperar a dignidade das carreiras de letras.

-Parece que a investigación de prestixio é a que se fai en ciencias experimentais. Nos últimos tempos, sobre todo con Campus Vida, aínda máis. Dende o punto de vista de investigación, en letras hai moi bos grupos e dende o punto de vista da docencia estase capacitando moi ben aos estudantes e poden desempeñar traballos por riba dos que teñen que ver directamente coa titulación escollida. Hai que recoñecelo e facelo visible, porque un dos problemas da USC é a escasa visibilidade do que se fai cara a fóra.

-E do campus norte.

-Totalmente. É algo que vai vinculado e paréceme que o cambio de denominación do campus sur é un erro, que pode ter graves consecuencias. Non o vexo xustificado por moito que boa parte das actuacións de Campus Vida teñan lugar no campus sur. Se queremos cambialo propoñía que o normal sería chamalo como as zonas. O campus sur, por exemplo, campus da Condesa e o norte campus do Burgo.

-Dicía que pode darse o efecto perverso de que facultades non directamente vinculadas con Campus Vida se visen marxinadas, como Dereito.

-Está comezando a pasar, mesmo en departamentos que de entrada poderían ter unha conexión máis directa co proxecto de Campus Vida. ¿Por que se é un proxecto de toda a USC só se cambia o nome dun campus?

-Aposta por que entre sangue novo no cadro de persoal.

-É que ten que entrar. A 31 de decembro do 2009, había na USC máis de 320 persoas cos 60 anos cumpridos. Quere dicir que nos próximos anos haberá unha cantidade importante de xubilacións e hai que ilo previndo. Non podemos agardar a xubilarnos todos para crear un cadro de persoal novo.

-E quere darlle un espazo ao Centro de Linguas Modernas.

-Pode ter un papel importante e gustaríame que se ampliase a oferta. Ademais, agora vai mendigando espazos nas facultades e queremos a medio ou longo prazo que teña un propio.