«Debemos ter un plan de prioridades en infraestruturas»

La Voz

LUGO CIUDAD

27 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

«Máis excelencia» significa non quedar só en Campus Vida. Eses son os plans de Varela Durán, os de acadar a excelencia tamén en Lugo e no campus norte.

-A nosa intención é estender a excelencia máis alá de ciencias da saúde. Debe estenderse fundamentalmente a dous campus: un que xa está bastante avanzado e estruturado, que é o campus de Lugo, onde nós propoñemos un campus de excelencia agroalimentaria combinando a incorporación dos distintos centros universitarios como a Escola Politécnica Superior ou a Facultade de Veterinaria, con distintas empresas do ámbito agroalimentario. Hai que ter en conta que hai cinco denominacións de orixe de viños galegos, dúas de queixos galegos e está a famosa dieta atlántica, con empresas involucradas na súa promoción. Para o campus norte propoñemos o campus de excelencia en humanidades e ciencias xurídicosociais. Non está tan programado como o agroalimentario pero é un dos obxectivos do programa, que pensamos que pode ser acadado no curso dos catro anos de lexislatura reitoral.

-¿Que hai das infraestruturas?

-Santiago ten un enorme hándicap ou unha servidume, e é a enorme riqueza patrimonial que posúe. Santiago ten dentro da Universidade edificios que son históricos e que son patrimonio da humanidade e ten tamén edificios modernos, ten un grandísimo patrimonio arquitectónico. É unha servidume porque fronte a outras universidades máis pequenas, Santiago ten un enorme gasto de mantemento: cando non chove en Historia chove en Físicas, ou os laboratorios de Farmacia e Medicina están anticuados... É difícil abranguer todo, polo que haberá que facer un plan estratéxico e definir as prioridades en mantemento.

-Aposta pola investigación aplicada, máis que a básica, pero sempre sen deixala de lado.

-Nunca. Non se poden deixar de lado dous aspectos importantes da investigación. Primeiro, a liberdade dos investigadores e segundo a investigación básica. Temos que ter en conta que traballamos para dar un servizo á sociedade e a investigación debe cumprir dúas premisas polo menos parcialmente. A investigación ten que ser, en parte, a que nos demanda a sociedade, porque hai investigación importante e interesante. Estudar o páncreas da lamprea pode ser importante, pero probablemente aos galegos lles interese máis como reducir o seu recibo de electricidade, que é o que eu lle chamo interesante. Así, sen deixar de lado o importante (o páncreas da lamprea) debemos centrarnos no interesante, o que a sociedade nos demanda. A segunda premisa é a de trasladar á sociedade os resultados da investigación. Se investigamos pero non o transmitimos, teremos feito fraco favor á Universidade. Hai que conciliar os mecanismos para que os resultados beneficien aos galegos.