«Queremos crear un programa de emprego no campus para os estudantes, sempre sen entrar en conflito cos PAS»

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

24 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Os estudantes son a maior prioridade da candidata, e eles mesmos crearon unha web, abreosollos.com, para fomentar a súa participación no proceso.

-Propoñemos crear unha oficina do estudante e un programa de asesoramento integral, con seminarios de introdución ás titulacións e ao funcionamento universitario. Tamén unha oficina de asesoramento legal, con estudantes de Dereito en prácticas. De feito, un dos nosos obxectivos é tamén elaborar un programa de emprego no campus para os estudantes, sempre sen entrar en conflito cos PAS. Por exemplo, as instalacións deportivas están pechadas as fins de semana. Poderían abrirse contratando por horas a estudantes cualificados: se van á piscina terán que ser socorristas. Tamén unha casa do estudante na que poidan desenvolver as súas actividades lúdicas e culturais.

-Os estudantes pérdense moito cos trámites administrativos.

-Hai unha burocratización tremenda na USC. Temos que ir cara á administración electrónica, simplificar estruturas e apostar polo software libre.

-Son tamén os menos participativos e moitos descoñecen a estrutura de goberno.

-O descoñecemento é un problema grande da Universidade. Ás veces botas en falta a USC de hai 20 anos, onde os estudantes eran reivindicativos, pero non todo é culpa súa, a sociedade cambiou. Non é só cuestión de aprobar as materias, hai que formarse persoalmente e a universidade é unha etapa que marca na vida. É un reto importante.

-¿Sete candidatos animarán a ir votar?

-Debería animar, pero non o sei. O que si que significa é que a xente está farta.

-Se hai segunda volta, haberá pacto?

-Traballamos para gañar en primeira volta, pero é bastante probable que haxa unha segunda. A miña candidatura é de integración e concertación, así que o máis probable é que si, que haxa pacto.