«É o momento de traballar todos con mentalidade universitaria»

SANTIAGO CIUDAD

A candidata independiente preséntase ás eleccións ao Reitorado cun programa no que propón un goberno participativo para sacar á USC da crise na que se atopa

24 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Pilar Bermejo, catedrática de Química Analítica na USC, non cre nas plataformas universitarias, «que nos levaron a onde estamos agora». Ten claro que sete candidatos son moitos, pero iso revela que «a xente está farta» dun goberno que traballou nestes últimos anos «sen escoitar e dialogar». É hora do cambio.

-Preséntase para sacar á Universidade da crise na que se atopa. ¿Cal é esa crise?

-Todas as universidades do mundo están en crise. Por unha parte, buscando a redefinición dos seus obxectivos e das súas funcións: os tempos cambian e as universidades tamén. Por outra banda, temos o problema da crise económica, agravada pola posición socioeconómica na que nos atopamos, porque aínda sufrimos as consecuencias dunha segregación universitaria mal feita e en terceiro lugar pola xestión dos equipos de goberno nos últimos anos.

-Tamén fala de que quere ter un goberno participativo. ¿Non o foi ata o de agora?

-Moi pouco. Gobernou moitas veces en solitario, sen escoitar e dialogar coa comunidade universitaria, e sobre todo con falta de transparencia nas decisións importantes, nas que cambian a estrutura da Universidade. O modelo de universidade que queremos debe ser dialogado, discutido e aprobado por todos.

-A súa candidatura é independente e cre que o modelo de plataformas está esgotado.

-Non é o momento das plataformas nin dos independentes. É o momento de traballar todos xuntos con mentalidade e visión universitaria, e punto. A nosa candidatura está formada por persoas que non temos ataduras con ninguén e penso que é o que nos diferenza.

-Pero dise que vostede é da órbita da plataforma Universidade Aberta.

-Hai oito anos había dúas candidaturas. Unha dela era a do profesor Sabucedo, na que eu ía, e nesa candidatura había persoas de Universidade Aberta e de aí vén o erro. Sempre pensei que temos que estar á marxe do discurso político, non se pode converter o Claustro nun Parlamento, porque non ten nada que ver.

-Dá vostede 10 razóns para que a comunidade universitaria a vote. Unha delas é o mellor aproveitamento de recursos económicos e técnicos. ¿Como se pode facer iso?

-É moi difícil sabelo porque non sabemos con que recursos conta a Universidade. Sabemos que temos unha importante débeda, que varía segundo se vai falando. O que é certo é que temos un capital humano excelente que necesita apoio. Aínda que exista un problema de recursos hai que establecer prioridades e cremos que deben facerse esforzos no ámbito da docencia. Nos últimos anos fixéronse moitos investimentos en investigación e agora toca implantar Bolonia do mellor xeito posible. Ademais a investigación pode captar máis recursos externos.

-E di que o esforzo dos profesores para a adaptación non se está a recoñecer.

-Hai moitos profesores que teñen unha carga excesiva que non se recoñece no documento onde reflectimos o labor que facemos. Para que se recoñeza é preciso máis profesores. Por iso hai que investir en persoal e tamén en centros. Hainos que está en condicións lamentables e outros que nin sequera se fixeron, como Medicina ou Odontoloxía.

-A internacionalización é outra das prioridades.

-Sobre todo no posgrao, un campo no que poder captar alumnos internacionais e apostar por másteres internacionais. Pensamos en aumentar a mobilidade dos estudantes, que Bolonia establece que sexa un 20%, tamén dos docentes e investigadores, e hai que facilitalo dando, por exemplo anos sabáticos sen cargar co seu traballo ao compañeiro, e aos PAS, porque deben traballar co persoal docente e investigador.