O colexio de Dices, en Rois, dá a coñecer a biblioteca renovada

ROIS

23 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Centro Público Integrado dos Dices, en Rois, celebrou onte unha gran festa arredor da lectura e dos libros, coa inauguración da súa renovada biblioteca. Deste xeito, o colexio culmina unha longa tarefa de catalogación e adaptación dos fondos as novas tecnoloxías, tarefa que botou a andar en xullo de 2009, cando varios profesores do centro sacrificaron un mes de vacacións para dedicarse a informatizar a biblioteca. Coa nova etapa deste servizo comeza tamén unha serie de actividades dinamizadoras, tal e como destacou onte a profesora encargada da biblioteca, Mercedes Buján.

A docente falou do traballo realizado, de que o primeiro problema co que se atoparon foi o espazo polo que o centro creou unha segunda biblioteca no soto do edificio, dedicada aos alumnos de Infantil e primeiro ciclo de Primaria. Dende de xuño de 2009, o centro rexistrou 6.424 libros e «aínda nos quedan uns poucos», engadiu Mercedes Buján. Agora comeza a parte máis importante, a de que a biblioteca sexa un «centro de recursos fundamental para a nosa comunidade educativa», concluíu a profesora, quen dixo que «estamos cheos de ideas para fomentar a lectura».