Ames organiza novos talleres de lingua e cultura galega para veciños de fóra de Galicia

La Voz

SANTIAGO

03 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Servizo de Normalización Lingüística de Ames e o Servizo de Atención ao Migrante mantén aberto o prazo para anotarse nos obradoiros de lingua e cultura galega, unha actividade dirixida a todas aquelas persoas que viven en Ames pero que proceden de fóra de Galicia ou que son emigrantes retornados e que precisan maiores habilidades lingüísticas en galego.

As clases durarán un mes, entre o 22 de febreiro e o mesmo día de marzo. Nese tempo, segundo informa o Concello, «poderán coñecer as nocións básicas da escrita e da fala en lingua galega, a historia, a xeografía e as costumes de Galicia e, en concreto, do Concello de Ames, así como adquirir unha visión global do cine, do teatro, da literatura e dos medios de comunicación en galego».

As clases estrutúranse en sesións de dúas horas, repartidas os luns, martes, mércores e xoves de 20 a 22 horas. Para obter un diploma, os alumnos só poderán faltar o 10% das sesións. O prazo de inscrición remata o día 12.

Os alumnos matriculados poderán escoller o lugar das clases, xa que o Concello as vai impartir no polígono Novo Milladoiro e tamén no instituto de Bertamiráns.