«Penso que me tocou vivir os anos da última época da Casa da Troia»

Concha Pino

OURENSE CIUDAD

A primeira muller de toda España que foi habilitada secretaria de concello, profesión que desempeñou 36 anos en Brión, onde se acaba de xubilar

04 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Foi a primeira muller de toda España habilitada como secretaria de concellos no ano 63 e acaba de xubilarse con 70 anos, e malia unha coxeira que arrastra dende hai preto de vinte anos que nunca permitiu que limitara a súa liberdade de movementos nin e a súa independencia como muller activa. Ela é María Luísa López López, Marisa, monfortina de nacemento que mantén vivas as súas raíces, pero que se sente compostelá, «porque levo aquí a meirande parte da miña vida, e unha cidade preciosa e aquí naceron os meus seis fillos».

Marisa desenvolveu una intensa actividade dende rapaza. Estudou en Monforte o bacharelato, indo a Ourense a examinarse por libre ate que se veu a Compostela para facer o Preu e a carreira de Dereito, que rematou no 62. Ese mesmo verán abriron as oposicións ás mulleres a corpos da Administración que ate aquela lles estaba vetado por lei. «Foi un proceso que durou case un ano, porque eramos uns 1.050 aspirantes para 33 prazas». Ela foi a única muller, e a primeira, que as aprobou, un acontecemento ao que ela non lle da importancia «porque non foi máis que estar no momento oportuno». Non só aprobou. Tamén acadou a habilitación da primeira das tres categorías do corpo. Conta que lle debe moito ao catedrático Martín Retortillo, «que era moi bo profesor de Administrativo, polo que levaba moi ben fundamentado o que era a base da oposición».

Redondela foi o seu primeiro destino. Estivo tres anos e garda «un recordo magnífico, porque a xente foi boísima comigo e ademais estaba solteira, e aínda que xa tiña noivo, integreime moi ben coa mocidade». Non tardou en casar, «e como o meu marido (Gonzalo Rey Lama) traballaba en Santiago, achegueime o máis posible e vin para o Concello de Padrón, no que estiven cinco anos estupendos». Nese tempo empezou a participar nas actividades do Padroado da Fundación Rosalía e formou parte da directiva ate os primeiros anos 90.

De Padrón foi para o Concello de Brión, no que se xubilou despois de 36 anos cunha festa de despedida que rematou con fogos de artificio. Explica que en todos os casos «movinme con enteira independencia, nunca se me mediatizou politicamente. O éxito do noso traballo está en colaborar cos equipos de goberno con asepsia total, en comunicar ben coas corporacións, cos compañeiros e cos administrados. Sobrevivín a dous sistemas antagónicos, á ditadura e á democracia, sen problemas».

Escoitando a Marisa parece que as cousas flúen mansas, pero esta muller fixo gala dunha tenacidade que segue a animar os seus días. Como cando di que os venres está ocupada porque é voluntaria no Teléfono da Esperanza, ou que non se aburre nunca, «porque me gusta ler e agora teño tempo», e amosa aos andei que están por todas partes «agás no cuarto de baño».

Dos anos na Universidade garda moitos recordos «dunha Compostela marabillosa, na que penso que me tocou vivir os últimos anos da época da Casa da Troia, porque a Universidade cambiou a partires do 68». Sabían onde atopar a todo o mundo e por grupos xeográficos, «porque os vascos xuntábanse no bodegón do Compostela, os estremeños no Café Español, os portorriqueños no Galicia...». Asegura que como muller o peor de todo era fumar, «porque era motivo de expulsión da residencia, na que saír pola noite era impensable, fíxate que eu só o puiden facer o último ano da carreira, cando me nomearon madriña da tuna, e porque me viñeron buscar e traer os rapaces, aos que as monxas ate convidaron a unha copiña».