«A USC é a universidade española con máis ingresos por patentes»

SANTIAGO CIUDAD

No último informe da RedOtri, correspondente ao 2007, a institución compostelá foi a que máis cartos obtivo por licenzas no ensino superior do Estado

15 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

En 1989, abría as súas portas o Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía da USC, como un xeito de xestionar a propiedade industrial dos resultados das investigacións realizadas no seo da USC. Á fronte da oficina, José Luis Villaverde, que viu durante estes anos como a universidade compostelá comezaba a cumprir a chamada terceira misión: transferir o coñecemento que se xera dentro dela á sociedade e á industria.

-¿A investigación na USC e a súa aplicación na sociedade evoluciona favorablemente?

-Si. De feito, no informe da RedOtri [rede española de Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación] correspondente ao 2007, somos a primeira universidade española en ingresos por licencias de patentes, cuns 293.000 euros. É relativamente pouco, pero somos os primeiros. De todos os xeitos, a media ascendeu ese ano por unha licenza de frontpayment (pago inicial). Con todo, e aínda sen esa licenza concreta estaríamos entre as cinco primeiras de España, que é unha posición moi boa, sobre todo se se mira dende a perspectiva do tamaño do colectivo investigador da universidade.

-¿Porque é pequeno?

-En tamaño de universidade, a de Santiago, segundo o indicador de referencia que se tome está arredor do posto 12 ou 15, polo que tendo en conta isto, que sexamos os primeiros na referencia dos ingresos ten aínda máis valor.

-Levan 20 anos encargándose da transferencia do coñecemento. ¿Que cambios houbo neste tempo?

-Cando naceu o CITT, encargabámonos da xestión da propiedade industrial, de protexer os resultados de investigación co obxectivo máis de posibilitar que logo se usen que non de comerciar co coñecemento, como parece que ás veces se di un pouco despectivamente. Precisamente, as patentes o que permiten é que un coñecemento desenvolvido con moita inversión en investigación, poida chegar a ser utilizado.

-¿En que sentido?

-Dende que se remata unha investigación ata que iso se converte nun produto comercializado, hai un proceso moi longo e con moito risco. Por exemplo, a comercialización dun fármaco pode chegar a custa 100 millóns de euros e unha inversión de tempo de dez ou doce anos. Os cartos normalmente non os poden aportar institucións públicas, senón que o fai a industria. Se esa industria non ten a garantía de poder recuperalo, non o intenta.

-¿A comunidade universitaria é consciente da importancia da terceira misión da universidade?

-A primeira misión é a docencia, a segunda a investigación e a terceira a transferencia do coñecemento. A transmisión da segunda misión aínda parece que non está consolidada. De feito, para unha gran parte do público séguese a identificar universidade con docencia. A terceira misión significa que o coñecemento teña impacto económico e social.

-Se o tópico da universidade é que só está vinculada á docencia, ¿o da investigación é que só se cingue ás áreas científicas?

-Se falamos de patentes, polo seu propio concepto son solucións técnicas, polo que é máis lóxico que haxa máis das áreas científicas. Se falamos de investigación en xeral, hai outras áreas que xeran resultados de investigación que teñen utilidade económica e social. Probablemente, neste momento os números si que dan unha maior preponderancia ás áreas científicas, pero non quere dicir que non se estean facendo cousas e non teñan moito potencial esas outras áreas. Temos un novo proxecto para fomentar o emprendemento nas humanidades e ciencias sociais, que parece que moitas veces non se ven chamadas a participar nisto.