«Fontán fixo na súa época o que agora fai o satélite»

Paula S. Fontáns

SANTIAGO

No século XIX o xeógrafo trazou un mapa cartográfico de Galicia cunha precisión asombrosa

09 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Innovación e Territorio, o legado de Fontán ao século XXI é a exposición que se pode visitar no Colexio de Fonseca ata o próximo día 23 de novembro. José Ramón Chantada, o comisario da mostra, resalta a importancia que Domingo Fontán, matemático e xeógrafo galego tivo nun mapa que foi toda una revolución para a época.

-¿Que importancia tivo a obra de Domingo Fontán para a posteridade?

-É un privilexio que na Universidade de Santiago tiveramos un dos primeiros científicos que puideron medir a Terra. A esta escala el fíxoo moitas décadas antes que todo o resto de España e mesmo que os países desenvolvidos. Por iso traer, neste momento, no século XXI, a Fontán e poder ver as imaxes de satélite e como el o fixo cos medios que tiña é verdadeiramente incrible. É o único país, nesa data, que ten unha cartografía tan precisa para o que eran as condicións daquel momento.

-Parece incrible que no século XIX alguén puidera acadar este nivel de precisión...

-Estamos a falar da primeira metade do século XIX, cando tiñamos unha España completamente analfabeta e inmersa en guerras perdidas e parece imposible que Fontán tivera feito isto. Con todos os adiantos que hai neste momento, que fan os mapas dende 700 quilómetros de altura, que Fontán o fixera subíndose a todos os montes de Galicia para poder facer a triangulación e ir trazando o mapa, parece incrible.

-¿Por que debe vir a xente a ver esta mostra ?

-As persoas deberían achegarse aquí, non só para ver que están todas as parroquias de Galicia, senón tamén as que desapareceron. O importante sería que as persoas se achegaran e que viran o que non se tivo oportunidade antes.

-Fontán ten unha obra moi ampla, ¿Foi moi complicado organizar esta mostra?

-Si, foi bastante difícil porque hai un volume de información impresionante. Por outra banda, o obxectivo principal da exposición era que destaque o mapa, xa que é o máis importante.

-¿Diríxese a algún tipo de público en concreto ou pódena visitar tódalas persoas que queiran?

-Eu creo que por aquí deberían desfilar en primeiro lugar os galegos independentemente de cales sexan as súas características demográficas ou sociolóxicas. Tamén deberían vir moitas persoas que non son galegos que van a descubrir unha Galicia que non se imaxinan para nada.

-Debe ser unha satisfacción poder ter aquí este mapa.

-Si, é para nós un gran orgullo poder telo agora porque isto é material da Universidade de Santiago.