«Falar galego é un plus e na ESO debía existir un curso-ponte para introducir na lingua portuguesa»

La Voz

SANTIAGO

28 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Ubaldo Rueda defende o «proxecto ambicioso para todas as capas sociais da cidade, feito dun montón de pequenas iniciativas», como define o IES Rosalía. Salienta a inmersión lingüística no estranxeiro en inglés, alemán e francés; os proxectos de plástica; os premios literarios co San Clemente como estandarte; o clube deportivo, os proxectos no campo científico-tecnolóxico, ben como o apoio da asociación de nais e pais. «O último curso os resultados académicos foron excelentes, con 15 estudantes con nota de máis de 9 nas probas de acceso á Universidade e un foi a mellor nota do país. Foi unha gran promoción».

-Hai xente que non entende o proxecto deportivo...

-É certo, e talvez o entendan se saben que hai só 10 anos o noso alumnado interesado na práctica deportiva tiña que ir a centros privados, que tiñan a única oferta, unha situación que me parecía inaceptable.

-¿Como ve o conflito lingüístico?

-É inexistente, un falso debate. Hai que ilusionar a nosa sociedade coa lingua. A situación é diferente a Cataluña e País Vasco. Temos un idioma que se sitúa no ámbito da cultura galego-portuguesa-brasileira e de cinco países de África, con 240 millóns de falantes. Falar galego é un plus e na ESO debía existir un curso-ponte para introducir o alumnado na lingua portuguesa.