A represión de 1936 deixou un saldo de 45 vítimas en Santiago

La Voz

SANTIAGO

Os mortos eran todos homes, a maioría obreiros e menores de 45 anos

28 jul 2008 . Actualizado a las 12:06 h.

Entre 1936 e 1939 a represión franquista acabou coa vida de 45 persoas en Santiago. Todos eran homes e novos, segundo os datos dos primeiros resultados do proxecto de investigación As vítimas, os nomes, as voces e os lugares , que leva a cabo un equipo de investigadores das tres universidades e a Consellería de Cultura dende hai dous anos, e que prevén rematar no 2009.

As cifras do estudo sitúan a Compostela no sexto lugar entre as poboacións galegas nas que a sublevación militar do 36 e a posterior represión acabou con máis vidas. Os avances de resultados non aportan nomes, pero entre os mortos nos primeiros meses do verán de 1936 está Ánxel Casal, que era o alcalde republicano de Compostela e un editor comprometido, aínda que o seu cadáver apareceu nunha cuneta de Cacheiras, en Teo. Tamén foi paseado naqueles primeiros momentos outro compostelán ilustre, o artista Camilo Díaz Baliño. Das vítimas que perderon a vida en Santiago 24 das mortes perpetráronse sen que mediase proceso xudicial ningún, senón que foron paseados, en tiroteos e outras circunstancias. Este número representa o o 53,3% do total, unha porcentaxe igual á media galega. Os executados en procesos militares foron 19 e outros 2 de forma sumaria, sen formación de causa.

Un número significativo destas 45 vítimas, 19 persoas, tiña entre 19 e 30 anos. As idades doutras 18 era entre os 31 e os 45 anos. O feito de que fosen cidadáns socialmente activos atribúeno os investigadores a que o obxectivo dos golpistas era descabezar o país. A porcentaxe máis ampla de vítimas mortais eran obreiros, un 41% dos mortos, e un 29% non tiña profesión coñecida. Funcionarios e empregados cualificados eran un 9 e un 7% mestres, polo que 19 pertencían á clase dos traballadores manuais e 12 a clases medias.

As persoas que perderon a vida por causa da represión franquista en Galiza nos tres anos da guerra civil foron 3.588. Os datos son o resultado da investigación levada a cabo na documentación das causas militares da IV Rexión Militar, nos rexistros civís dos concellos galegos e algúns de fóra e 349 entrevistas en Galicia, Asturias, Barcelona, Xirona, Arxentina, Cuba e Uruguai. A documentación vai estar dispoñible para investigadores e público en xeral nunha base de datos que reunirá fondo oral, gráfico e documental dixitalizado, con material fotográfico e cinematográfico, diarios, cartas e papeis administrativos.