«De 2.300 vivendas públicas en marcha, mil non teñen dono»

X.M.C.

SANTIAGO

Confía no apoio do presidente da Xunta para levar adiante os grandes proxectos e di que atinou de cheo co pacto de goberno para este mandato

23 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O máis importante neste arranque inicial do mandato, para Xosé Sánchez Bugallo, é ter pechado un acordo de goberno estable para catro anos, o control das áreas polos edís e a normalización do ritmo da administración.

- ¿Onde puxo o acento? -Basicamente na posta en marcha da estrutura interna. Sobre todo cando hai moita xente nova. -Nestes cen días aínda non petou na porta o PXOM. -Si, estamos todos á espera. Podemos organizar o que de nós depende, do que non depende, non podemos facer nada. A Xunta ten de prazo ate o 4 de outubro e confío que cumpra os prazos. O Plan está alí desde outubro do ano pasado. Xa é tempo. Está todo sustanciado. Hai un Consello da Xunta o 4 de outubro, pois espero que vaia a ese.

- Tamén coincide na bonancibilidad do pacto por agora. -Nótase que somos un goberno que leva oito anos traballando conxuntamente, que hai unha boa relación humana. Mais aínda, hai amistade. E coincido con Rego en que non houbo ningún roce nos cen primeiros días. Estou moi contento de como esta funcionando o goberno.

- Ou sexa, que non se arrepinte das cesións. -Eu podo ter moitos defectos, e ninguén está a salvo de equivocarse. Pero non solo ser precipitado nas miñas decisións, nin me solo equivocar demasiado con vistas a medio prazo. Se algunha virtude teño é a capacidade, en situacións complexas, de estar frío e sereno e ver as consecuencias e efectos a medio e longo prazo. Mais alá de matices, fixemos o que tiñamos que facer.

- Xa se reuniu con Touriño. Habería pasos dende entón. -Temos unha relación moi boa coa Xunta. Foi e é unha prioridade estratéxica. Cun presidente socialista, a química é máis favorable. Dos temas abordados, hai un que pode chegar a quitarme o sono, que é a Cidade da Cultura. O apoio do presidente á Cidade é total. Como tamén o é ás grandes infraestruturas. Non só ás autovías de A Estrada e Brión, senón á autopista de Ourense, á autovía de Lugo, á terminal aeroportuaria e ao terceiro carril da autopista. Hai partes que aínda se deben plasmar nos próximos meses ou anos, como o Xacobeo do 2010, onde imos traballar xuntos Xunta e Concello. E está o parque empresarial de A Sionlla, que veremos en obras este curso, ou convenio de travesías para o ano 2010, que se firmará mañá luns. -¿Móvense os solos residenciais e industriais? -Estamos traballando a unha gran velocidade. Nestes cen días temos en construción dous polígonos de vivenda protexida en Pontepedriña e Conxo, con 900 vivendas, máis 200 en O Castiñeiriño. Empezaremos en novembro o sunp-14, con 400 vivendas, e estanos completando o proceso de expropiación do 11 e o 12 en O Castiñeiriño e o 5 en San Marcos. De aquí ao 30 de xuño imos ter en construción 2.300 vivendas protexidas. É a primeira vez na que a oferta se pon por diante da demanda. Das 2.300 mencionadas, algo mais de mil non teñen dono. A lista de inscritos no IGVS como demandantes de vivenda protexida e social ascende a 926, o último dato. No que atinxe a parques empresariais, temos o compromiso de inaugurar tres este ano como mínimo, e queremos empezar outros tres antes de que remate o 2008.

- Neste mandato primaba o obxectivo social. -E así é. Ten moito que ver a creación de vivenda e emprego, pero no ámbito social inaugurouse a nova sede de servizos sociais e a casa das asociacións de Benestar Social rematarase o 30 de outubro e abrirá a principios de ano. Está previsto inaugurar tres escolas infantís. E demos xa pasos para a posta en marcha do Instituto Municipal de Benestar Social.