«Educación para a cidadanía debe formar para conservar o ambiente»

José Xavier Bom

SANTIAGO

Preside a Asociación Galega de Educación Ambiental, un área que reúne na cidade a centos de asistentes galegos, españois e dos oito países lusófonos

23 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

De 512 preinscripcións, a maioría (175) son do Brasil, seguidas das galegas (168), portuguesas (106), angolanas (18) e as 45 restantes de Cabo Verde, España, Mozambique, Guiné Bissau, São Tomé e Príncipe, e Timor. Oito departamentos da Xunta, ministerios de todos eses países, as tres universidades galegas, o Consello da Cultura, a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e Voz Natura apoian este acontecemento, onde os galegos compartirán idioma cos lusófonos sen tradutores.

-¿Que lugares de encontro hai entre estes pobos?

-Hai situacións heteroxéneas na concepción da educación ambiental, e nas accións en cada país en relación co medio, nas medidas de desenvolvemento social, socioambiental, ou da igualdade de oportunidades para homes e mulleres. Aínda que o medio ambiente e as accións económicas, educativas e de planificación, cada vez se está vendo que teñen que ser dun xeito común a nivel internacional. Así acontece cando se fala de globalización, do cambio climático, da perda de biodiversidade, e da necesidade dunha masa crítica que se debe canalizar a través da educación ambiental como nexo común.

-¿Que papel ten a educación ambiental nas universidades galegas?

-Educación ambiental e universidade é unha das dez áreas de traballo do congreso, a que eu coordino. Van ser expostos traballos sobre liñas de oferta formativa e outras accións que emprenden as universidades para contribuír a un impacto ambiental menor, redución de consumo e mellora da calidade de vida na comunidade universitaria e no conxunto da sociedade. Falaremos de experiencias como os planos de desenvolvemento sostible da USC e a xestión ambiental das da Coruña e Vigo, e outras.

-¿Funcionou como disciplina transversal no ensino non universitario?

-A Logse recoñecía esa transversalidade para todas as materias curriculares, ao igual que a educación cívica ou para a saúde. Foi unha oportunidade, que dependeu do interese e da sensibilización dos docentes. Faltou unha aposta da Administración para que a formación, os estímulos e os recursos se orientasen para a educación ambiental e tamén para as outras materias transversais.

-¿Que acontece coa nova lei educativa?

-Elimina esa referencia ás transversais, aínda que os docentes que orientaban a súa actuación para a educación ambiental poderán continuar coas actividades para favorecer a separación dos residuos, a reciclaxe e reutilización de materiais, ou o uso de determinadas formas de consumo. Agora está a proposta de Educación para a cidadanía, que debe formar para conservar o ambiente e canalizar a educación ambiental. Dependerá de como apoien e incentiven esa nova materia.

-¿Como se debe entender a educación ambiental?

-O que quere en última instancia a nosa disciplina é que a persoa diferencie os planos desde os que lle chegan as informacións, o que quere para o futuro e para o presente, para si e para os outros. Iso supón estar atento, ser activo e participar; non cidadáns apartados e conformistas.