Unha leve brisa fai ondear os meus cabelos, o canto dun paxaro marabilla os meus oídos, a fragrancia das flores embriaga o meu olfacto, a vista da posta de sol faime sentir libre, o lixeiro contacto da fina herba co cantil faime rir. Unha aura máxica envolve o ambiente, non deixa dúbidas, é a miña terra.
Dende a punta dos meus pés ata onde os meus ollos chegaban a ver esténdese unha terra máxica, a miña terra. Unha terra chea de lendas, meigallos e feitizos. Unha terra onde hai bruxas e curuxas en todos os recunchos. Unha terra onde o mar e a terra continúan na súa encarnizada loita polo dominio dun sobre o outro sen que ninguén se decate.
Unha terra cun máxico sol iluminador dos esperanzados e con estrelas que agariman o ceo na súa perfecta harmonía. Unha terra chea de camiños. Camiños para atoparse, para perderse, para enganar o destino, para atopar o sentido da vida. Unha terra chea de música que enche a alma que vai máis alá dunha simple melodía. Unha terra de festa e moita, moita troula. Unha terra cunha festa para saltar as lumaradas e botar os males fóra, outra para amedrentar os nenos con historias que xean o sangue e pedirlle algunha que outra lambetada ao veciño co troco de non tirarlle ovos, outra para ser quen se queira tras un anteface e un disfrace. Unha terra chea de lugares máxicos: catedrais milenarias, mosteiros e castelos medievais, praias e lagoas de augas cristalinas, cantís que semellan reinar no mar e lugares dos que non se querería ir xamais. Unha terra de sorrisos e bágoas, de ladridos e muxidos, de vellos e novos, de xente de aquí e de acolá. Unha terra cunha lingua propia para expresarse e entenderse, para falar e conversar, para escribir e contar historias, lendas, cancións e poesías, para perderse nas palabras que son portas a mundos fantásticos cheos de místicas criaturas. Unha terra que me inspira, que fai que o espírito se marabille ao vela. Unha terra que me marabilla e me deixa sen palabras. Unha terra que me enfeitiza coa súa maxia saída de todos os recunchos da súa esencia. A miña amada terra, Galicia.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios