Coma todas as noites de San Xoán, o sabor acre do tabaco louro mesturado co salgado dun groliño de auga de mar inducían unha viaxe case astral ao fareiro das Sisargas.
Exiliado voluntario por amor, tras unha vida na procura dun graal misterioso, de ollos de abafante fermosura, de indefinida cor, descritos polo fareiro coma luz do solpor de San Xoán en Baroña. Beizos de imposible textura, que deixaron pegada na alma dos seus bicos apaixonados. Lembranza namorada da mestura de corpos espidos, a carón da beira do mar, en tempos nos que amosar o corpo era tan punible como roubar un banco.
Desa tola aventura, a medio camiño entre o amor, a clandestinidade, a rebeldía xuvenil e as ensoñacións etílicas, xurdiu a case enfermiza procura da súa serea, produto desa noite artúrica. Obsesiva consecuencia dun imaxinario xuízo vital sumario, polo pecado de consumir todo o amor que un home pode sentir nunha noite e condenado, por ese dispendio, a vagar por Europa sen rumbo, sen cartos, sen obxectivo, máis aló de atopar eses ollos, eses beizos e ese misterioso acento estranxeiro, da serea celta de Arealonga.
Pantasmal percorrido dun outrora brillante estudante, mudado en vagabundo, coñecedor pero non desfrutador dos praceres do barrio Vermello, do sabor bohemio do Barrio Latino, dos cheiros do Trastévere, do pequeno universo de Picadilly, hasta pechar o círculo no punto de partida, na fonte de Cervantes, vinte anos despois, cos petos tan baleiros como o corazón e sen máis futuro que lembrar.
Por iso, a decisión que en tempos podería ser política, do autoexilio, non era máis cun retiro a tempo para descansar, nun traballo anónimo, da súa obsesión e dalgún modo poder desfrutar en soidade, dos seus rituais de amor sen resposta, como o descrito de mesturar tabaco cun chopito de auga de mar, para rescatar o sabor dos bicos perdidos.
Iso foi así, ata que un día, ao rematar unha cabicha, eses mesmos ollos, eses beizos, ese arrecendo, apareceron no dintel da porta do faro... ese mesmo acento sen definir, pero sen envellecer, a pesar dos anos transcorridos pronunciaron unha única verba máxica... Pai.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios