Ocorreu hai trinta anos. Era unha tarde de finais de maio, xa o curso estaba vencido. Os nenos de primeiro tiñan traballado ben. Cando remataban, recollían o seu material. Faltaban poucos minutos para marchar.
Eu tamén fun recollendo as miñas cousas. Abrín un caixón e acordáronme as fichas dos expedientes dos alumnos. Ía a rematar o curso e aínda non tiñan pegadas as fotos. O director entregáranos as fichas de preescolar para que lles aproveitaramos as que tiñan. Mireinas. «Non sei se foi unha boa idea -pensei-; estas fotografías son de cando tiñan catro anos e agora algúns xa cumpriron os sete». Fun pasando as fichas. Algúns nenos estaban moi cambiados. Custaríalles recoñecerse.
Isto deume unha idea. Chamei ao primeiro que rematara a tarefa. Veu á miña mesa. Ensineille a súa propia fotografía e pregunteille se coñecía a persoa da imaxe. Fixouse nela e iluminóuselle a face. Díxome: «Son eu».
Deste xeito foron pasando todos pola miña mesa e todos se recoñecían doadamente. Algúns tiveron que fixarse un pouco máis, pero todos remataron cun «son eu» que os devolvía sorrintes ao pupitre.
O derradeiro foi Daniel. Era un rapaz de ollos grandes e pelo rapado. Vivía na aldea máis arredada, metida na montaña. E faltaba con frecuencia pola asma. A súa casa era pequena e húmida. O neno viña con roupa moi gastada, pero limpa. Era o único que inda gastaba zocos. Malia ao seu entusiasmo, era o máis atrasado nos progresos escolares.
Daniel chegou á miña mesa moi satisfeito cando o chamei. Amoseille a foto:
-¿Coñeces a este neno?
Daniel botou o queixo para adiante e achegouse á foto. Ollou uns intres e despois fitoume. Moveu a cabeza a dereita e esquerda nun xesto claro.
Escoitouse algún riso apagado. A imaxe da foto era ben recoñecible e non debía supoñer dificultade. Pensei que Daniel quería facer unha brincadeira, pero mirábame con ollos limpos, inocentes e expectantes.
-Mira ben, home. Seguro que o coñeces.
Daniel volveu mirar. Outra vez achegou a cabeza á foto co mesmo resultado. Volveu negar coa cabeza. O seu xesto rotundo non deu lugar a dúbidas.
Agora os risos, non moi altos, eran xa xeralizados. Daniel miraba con abraio aos compañeiros e máis a min. Algúns nenos empezaron a dicir: «Es ti, parvo» e a Daniel iluminóuselle a face. Volveu mirar a fotografía e despois a min:
-¡Son eu!, ¡son eu!... ¡Si, son eu!- dixo con entusiasmo.
-¿E como sabes que es ti?- pregunteille con curiosidade.
Daniel volveu a afundir a mirada concentrada na fotografía e nun intre volveu a face para min, entusiasta:
-¡Son eu, que me coñezo pola camisa!
Os alumnos botaron unha gargallada xeral. E Daniel ollábaos e sorría tamén. Fun eu o que ficou con expresión de abraio. Cando me repuxen, mandei recoller. O timbre soou e os nenos foron despedíndose e saíndo.
Eu quedei aínda un bo anaco cavilando na resposta. E decidín que, se algún día contaba o conto, sería como relato de ficción.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios