Román ergueuse da cama sen présas. Esperáballe un día no taxi non especialmente fatigoso, pois dende que Helena marchara deixándoos sos a Nora e a el, e despois de vinte anos traballando horas a esgalla, decidira tomar a vida con máis calma, malia a hipoteca do piso aínda pendente, as letras do taxi recén mercado, os arranxos habituais dos coches que escarallaba Nora, e os imprevistos, que nunca faltaban. A súa xornada era de nove a nove, que así dito non deixaban de ser doce horas ao volante, mais o horario tiña os seus matices: dúas horas e media para xantar, coa media para a sesta, outra media para o ágape das doce, e unha máis, de seis a sete, que quedaba cos colegas para xogar a partida de dominó ou para cumprir algún capricho oculto. A Nora tíñaa enganada, pois ela nada sabía destas interrupcións tan delongadas, agás a do almorzo, porén adoitaba chegar a casa pasadas as nove, queixándose dos riles e con cara de can mallado.
Ergueuse convencido de que aquela non tiña por que ser unha xornada distinta das demais. Ao entrar na cociña recibiuno o aroma do coñac que adoitaba engulir Nora antes de saír para a fábrica. Afeito á súa debilidade pola bebida optou por facerse o chosco, o xordo e o mudo. A fin de contas el tampouco era ningún santo, e de cando en vez, nesa horiña da media tarde, no canto de xogar ao dominó cos amigos, ía visitar a Carme, unha clienta asidua, que terminou por convertelo á súa vez no seu cliente.
Xa no taxi debeu accionar o limpaparabrisas porque a chuvia caía con forza. Axiña escoitou a primeira chamada da centraliña, onde unha voz feminina lle indicaba un servizo dúas rúas próximas a onde se atopaba. Alá se dirixiu. Conectou a radio e buscou en varias emisoras ata sintonizar onde houbese noticias. Logo de escoitar unha nova sobre un atentado de ETA, do que xa levaban falando dende había un par de horas, seguiu pescudando no dial ata atopar información sobre os altibaixos do mercado bolsista. Non lle dixera nada a Nora, pero investira parte dos aforros en bolsa, e os últimos acontecementos económicos tíñano en vilo.
A Román, algareiro, gustáballe dar conversación aos clientes cando subían ao taxi, aínda que estes lle respondesen con monosílabos. Apagaba a radio e encargábase de comentar os sucedidos, dándolles o seu toque persoal de locución. Despois de catro carreiras de baixo custe pola cidade recolleu a unha clienta fronte a porta dunha tenda de roupa téxtil.
?Ao C.E.I.P. Augusto Roldar, na rúa Vicente de Castro? díxolle ela, tomando asento na parte posterior do taxi.
Fitouna polo espello retrovisor e pareceulle unha muller moi xeitosa, desas que con só miralas contentan a vista dun home, aínda que leu na súa cara unha expresión de cabreo.
?¿Seica ten un mal día?? espetoulle, así como quen non quere a cousa, co gallo de empezar a dar a súa particular versión do mal que ía o mundo e de cal era a solución a tanto desatino.
?¿Como di?? respondeulle ela con evidente mala hostia.
?Dicíalle que quizais teña un mal día ?repetiu el esperando algún aceno de confianza pola súa parte. Mais a conversa non deu de si.
Román non podía saber que Rosa viña de ter dúas discusións, unha co seu home, que cando se trataba de atender aos problemas das nenas, tiña que comerse ela os marróns no traballo, e outra coa súa xefa de sección, que volvera ameazala con non renovarlle o contrato. Porén non levaba ganas de aturar a aquel taxista con pinta de prosma, e limitouse a dicirlle malhumorada:
?Cando queira un psicólogo pedireille cita.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios