A música que emitía a radio dende o coche de Nora tiña o volume tan elevado que a ela se lle facía insoportable mantela acendida sen que a súa cabeza e os seus tímpanos estivesen a piques de rebentarlle. Soportou a tortura dez minutos sen ningún resultado, e malia supoñer que aquela tentativa na que depositara escasas expectativas non ía ser a súa salvación, tampouco desexaba que a entolecese e eliminase o pouco siso que lle quedaba.
Reflexionou sobre as voltas do destino e os seus caprichos. ¿Seica fora o destino o responsable da súa situación, ou pola contra, sospeitando que este nos agarda sempre nos calellos sen saída, nas corredoiras escuras e nos meandros máis retorcidos, tentándonos, provocándonos, tirando da nosas miserias e convidándonos a envorcarnos nelas, nesa procura desesperada cara á nada, botámonos ao baleiro sen paracaídas, ignorando o resultado do salto, mais deixándoo nos brazos do azar?
Pensou como o destino pasara de longo subido enriba dun coche mentres ela vomitaba a súa vergonza na marxe daquela vía secundaria despois de cometer unha atrocidade. E como ela suplicara e agradecera a un destino intanxible que non se detivese, que non reparase nas características do seu vehículo nin no seu aspecto físico, para non dispor de datos que ofrecer logo na investigación do sinistro. O destino, o seu destino actuara como un anxo protector. Naquel intre estivera da súa parte, mais, ¿tería o mesmo concepto del se soubese as consecuencias dos seus actos, se coñecese que tanta magnanimidade con ela supuxera cargarlle as culpas a aquel que precisamente se cruzara con ela na estrada? ¿Que tiña ela de especial para que o destino actuase salvándoa e atribuíndolle o seu delito a outro? ¿E que hai un destino omnipotente, que todo o pode e universal, ou hai destinos parciais e individuais? ¿É obxectivo ou subxectivo?
Nora cavilou que en realidade non bebera tanto no almorzo como para que a súa cabeza fose dunha pregunta a outra remexendo nun asunto tan complexo. Poida que tivese que ver cunha sesión que vivira coa súa psiquiatra había uns días, onde a facultativa trataba de orientala buscándolle un foco, un horizonte, unha guía a súa vida sen norte, coa idea de que atopase unha referencia que fose o motor da súa existencia. E nesa conversa-terapia xurdira moitas veces a palabra destino con connotacións diferentes. Porén agora acudía a ela. ¿Para que actuara o destino lurpiándoa da ollada indiscreta do seu probable denunciante, en caso de involucrala no atropelo, se en cuestión de minutos permitira que, nun despiste, o seu coche caese por un barranco, e á vista estaba que con moi poucas posibilidades de ser rescatada? ¿Seica era ese precisamente o castigo que o destino tiña reservado para ela pola súa acción criminal? ¿Logo o destino era un ente vingativo?
Nora entendeu que só unha muller desequilibrada coma ela podía ter tales pensamentos en tales circunstancias. Porque o normal en calquera persoa sería estar cavilando en solucións, loitando pola supervivencia, poñéndose un foco, como lle dixera a súa psiquiatra, un norte sinxelo, agarimoso, unha visión agradable que lle dese pulos para manter a esperanza. Pero nin sequera tentou buscalo. Nin sequera pensando en Helena, a súa filla, distante na distancia, quizais porque nunca fora próxima, nin sequera na proximidade, nin no milhomes de Román, coas súas teorías de choque sobre ao alcolismo, ningún deles converteuse no seu compás.
E sen embargo, malia a súa triste vida, non desexaba morrer.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios