pub
Actualizado La Voz, página de inicio
Ir a la Portada

vía secundaria | Capítulo XXI Escusas e mentiras

Autor:
An Alfaya
Fecha de publicación:

Hilario non se sentía cómodo a carón do cabo Novas. O outro garda civil semellaba ter mellor carácter. Pensaba isto mentres o primeiro ocupaba o asento do copiloto e lle indicaba que conducise cara ao cuartel. Quizais a parella simplemente usaba o vello truco do «poli-bo e poli-malo», e aínda que estaba farto de acender coches, non foi quen de poñer o seu en movemento; ou ben afogábaselle ou calábaselle.

-Estará acatarrado- ironizou o garda civil-. Seica é mellor que conduza eu. Baixe do coche e arrodéeo por diante.

Hilario asentiu sen entender tanta prevención. A fin de contas non estaba detido, senón que só o levaban ao cuartel coa fin de practicar dilixencias, toda vez que baixo a chuvia resultara incómodo facerlle as preguntas pertinentes en condicións, cando menos esa fora a información que lle deran. Nin sequera tiña moi claro se nun caso coma aquel os cabos seguiran o procedemento rutineiro.

Baixou do coche notando a aguilloante ollada do cabo cravada nos seus pasos, ao tempo que este se desprazaba ata o asento da condución. Unha vez ocupado o posto do copiloto e colocados os respectivos cintos de seguridade, o vehículo emprendeu a marcha á primeira.

-Polo visto pasoulle a catarreira- comentou o cabo Novas mantendo o sarcasmo e botándolle unha ollada ao nesgo.

Hilario sentiu unha rabia interna que lle medraba na boca do estómago e lle subía ata a gorxa. El non estaba afeito a atropelar tipos a diario, e nunca pensara de se mesmo que tivese tan pouca afouteza. Pero máis que preocupado polas consecuencias do seu acto, seguía desconcertado polo xeito en que se producira. Era a súa incapacidade para dar explicacións atinadas sobre os feitos o que seguramente facía que as súas palabras dubitativas soasen a escusas ou mentiras baratas. Logo cavilou que aquel tipo, agachado tralo seu uniforme, non deixaba de ser un funcionario de merda que non lle quedaba outra que baixar a cabeza diante dos seus superiores. Esa imaxe, a do mangallón acatando ordes, serenouno, e fixou a ollada no limpaparabrisas que de súpeto se detivo ao parar de chover.

Seguiu un silencio que se veu interrompido co son dun teléfono móbil. Hilario notou as vibracións no peto do pantalón contra a perna, pero, no canto de contestar quedou como paralizado.

-¿Non pensa collelo?- preguntoulle o cabo.

Quitouno do peto con desgana, e antes de responder reparou no nome de Rosa na pantalla. Era a segunda chamada dela e xa non lle contestara a primeira.

-É a miña muller -dixo.

-¡Pois non a faga esperar, home! -riu o cabo.

-Ola, Rosa... É que antes non puiden collelo... ¿E logo por que chamaches ao taller?... Houbo un..., un accidente aquí, na vía de acceso ao polígono e... Tranquila, que estou ben... ¿Que se podo ir buscar á nena ao colexio e levala ao médico?... ¿Un cólico?... Pero Rosa, ¿logo non podes ir ti?... ¡Pois nun taxi!... Xa sei, non te alteres..., que si, que te van botar de tanto pedir... Pero é que eu non podo, Rosa, xúroche que... Colgoume -dixo gardando o teléfono.

-En media hora podería ir vostede -díxolle o cabo abrandando.

-Agora tanto ten... Rosa estará chamando un taxi, aínda que lle custe o posto de traballo. Coñézoa.

-Faloulle dun accidente, pero non lle dixo que vostede...

-¿Está casado?

-Esa non é a cuestión -respondeu o garda civil á defensiva.

-Se o estivese non me faría esa pregunta. Tentaría evitarlle preocupacións á súa muller.

O cabo Novas si estaba casado, pero non llo dixo, mais entendeuno. Hilario dispúxose a acender un pito. Necesitábao.

 

ENVIAR NOTICIA  

vía secundaria | Capítulo XXI Escusas e mentiras

* Campos obligatorios
Enviar a:
Tus datos:
 

ENVIAR NOTICIA  

Su envío se ha realizado correctamente

En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia

Gracias por usar nuestros servicios

Cerrar

 

ENVIAR NOTICIA  

Se ha producido un error
No se ha podido realizar el envío

Revise sus datos y vuelva a intentarlo

Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.

Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios

Cerrar

LVDG_GOOGLE_ADSENSE:
Escusas e mentiras

Relacionados de la noticia

 
Cargando
LVDG_PUBLICIDAD_EXTERNOS:08A
LVDG_PUBLICIDAD_EXTERNOS:08B
LVDG_PUBLICIDAD_EXTERNOS:08C
LVDG_PUBLICIDAD_EXTERNOS:08D
LVDG_PUBLICIDAD_EXTERNOS:08E
Confianza oline. Enlace a más información sobre el certificado © Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A.
Polígono de Sabón, Arteixo, A CORUÑA (España)

Inscrita en el Registro Mercantil de A Coruña en el Tomo 2438 del Archivo, Sección General, a los folios 91 y siguientes, hoja C-2141. CIF: A-15000649.