Na casa dunha alcólica non pode haber bebidas etílicas a man; é de libro. Pero no piso de Nora hainas porque Román ten a teoría de que para vencer a tentación hai que tela diante. Teimas que ademais xustifica todo sabido:
-Sabes ben que eu fun un fumador empedernido toda a puta vida, e cando me dixeron que tiña a saúde pendente dun fío, ¿que fixen? Pois iso, deixalo. ¡Nin forza de vontade, nin hostias! Apertando os collóns, fodéndome, coma ten que ser. ¿E lle impuxen eu a alguén que non fumase diante de min?, ¿díxenche eu a ti que deixases de fumar? Pois aí tes a proba. Ti has sentir o veleno uliscándoche os fociños, e ha chegar un intre en que de tanto cheiralo vas aborrecelo... ¡Mírame a min! Agora renego do tabaco, ¡e non fixeron falta nin parches nin caralladas!
Román soltáralle á psiquiatra esta teoría tan particular un día que levara a Nora no seu taxi, e logo acompañáraa á consulta por petición da facultativa. A médica desautorizouno con sentenzas clínicas, mais el mantívose teimudo, e dixo que as bebidas habían quedar onde estaban no aparador, porque despois de traballar todo o puto día no taxi coma un cabrón, merecía unha copa, e non tiña porque andar ás agachadas na súa propia casa igual que un bandido. Román podía ser un boi manso, mais para certas cousas semellaba un porco teixo.
-O que ti digas, Román? aceptara Nora, non tanto con resignación, senón con aburrimento; porén as botellas mantíñanse no aparador a xeito de reclamo, incrementado o seu desexo de vulnerar a norma, de romper as indicacións psiquiátricas, de deixarse levar polo instinto, pola sede primitiva, polo goce mesmo de sentirse libre para escoller ser unha delincuente nun espazo onde habita o finximento.
Quizais se Román sospeitase que dentro de Nora había unha criminal en potencia, e non a muller silenciosa que o acompañaba acotío no sofá mentres seguían as series policiais americanas que daban polo televisor en horario nocturno, ceando case sempre de frío, ás veces coas sobras do mediodía, e outras cunha bandexa de friame barato, pan de molde e viño en envase de cartón para el, e gasosa para ela; se Román sospeitase tan sequera, que mentres xogaban a especular no primeiro pase de anuncios sobre quen podería ser o asasino do episodio que estaban a ver, e que case sempre resolvía Nora, ben por intuición, sagacidade, intelixencia, ou simplemente polo abuso das estruturas repetidas que os guionistas adoitaban empregar de xeito intencionado nos telefilmes; se Román imaxinase que nun amencer daqueles a súa muller ía ser a protagonista dun acto sanguento na vida real, unha mañá de tantas nas que se erguía do leito coa intención de ir ao seu rutineiro traballo; se Román tivese a máis lixeira sospeita de que Nora estaba moito máis derrotada por dentro do que expresaba, quizais tomaría en serio as indicacións da psiquiatra con respecto ao asunto do alcol, e pensaría o xeito de eliminalo completamente do seu punto de mira.
Román adoitaba durmir a perna solta e esa noite dera moitas voltas na cama, ata soñara en voz alta. Murmuraba algo que tiña que ver cun accidente de coche, e Nora pensara na película coa que se deitaran na madrugada, onde había varias mortes provocadas por un mozo que conducía de xeito temerario.
-¿Que fai ese paraugas no medio da estrada?- muiñou premonitoriamente Román sen saír do soño, mentres unha chuvia impertinente golpeaba as persianas. Nora encolleuse sobre se mesma baixo as sabas coma unha lesma temendo escoitar o son do reloxo espertador.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios