Os días de inverno invitan ao recollemento e mesmo poden chegar a provocar pavor, sobre todo se un transita por corredoiras entre matogueiras co medo inxectado nos ollos, chapuzando nas pucharcas co calzado perdido de lama, ou se ten a necesidade cotiá de conducir por vías secundarias case inhóspitas, onde a vexetación vai comendo paseniño a estrada de xeito imperceptible, mais persistente, ata engulila. Sen embargo, hai xente que gusta da invernía, xente de seu escura, que vive agochada en cavorcos de soidade, que se protexe do mundo baixo terra, ou detrás dunha xanela por onde esvaran os regueiros da chuvia e apenas penetra unha físgoa da luz do día. Xentes co espírito das toupas, que se ven obrigadas a asomar a cabeza ao exterior e sofren un ataque de pánico, unha doente agorafobia, e buscan o xeito de protexerse cunha ansia tola por volver á cova; gorecerse e recuperar o espazo íntimo e cómplice.
Nora déitase con este pensamento tradeando a súa cabeza, porque ela pertence a ese submundo. Aínda que vive nun 4.º andar, ten a sensación de que realmente reside no soto do edificio, e cada día cústalle máis asomar á rúa. Román, o seu home, é un bendito que non entende as súas teimas, que se agocha na cama, e mentres ela pon o seu reloxo espertador en hora, el cae rendido co sono, ¡e non esperta en toda a noite! En cambio ela revólvese inquieta, tira das sabas con rabia e vai ao baño a miúdo.
-Non ten cistite, muller- dixéralle condescendente o urólogo-, senón ansiedade. Dígalle ao seu médico de cabeceira que lle receite algo para tranquilizala. ¿Ten problemas serios?
Ela encollérase de ombros. ¿Quen non ten problemas?, pensara, mais preferira non facer ningún comentario diante do especialista. ¿Que lle ía contar? ¿Que levaba ano e medio visitando regularmente á psiquiatra da Seguridade Social e que tiña sobre a mesa de noite varios frascos de pílulas, e que ás veces, moitas veces, esquecía tomalas? Calou, pois o asunto das miccións nocturnas xa viña de antes de consumir as drogas que lle administraba a facultativa para combater a inestabilidade dos seus estados anímicos...
Nas súas visitas ao baño durante a noite Nora non acende a luz, e aínda que tantea a alfombra cos pés espidos buscando as pantuflas, non as atopa, ou encontra só unha, e termina por facer o percorrido que a separa do servizo descalza, sentindo a frialdade húmida das baldosas do corredor na planta dos pés; e por preguiza tampouco viste a bata, aínda que camiña encollida por mor da humidade da casa. Ao deitarse, Román apaga a calefacción por falta de cartos, e ás primeiras horas da madrugada o piso aínda mantén un ambiente temperado, pero a medida que avanzan cara ao amencer, muda nun frigorífico.
-¡Este frío que a tronza a unha..! -murmura decontado, volvendo ao quente do leito, refregando con ambas mans os brazos protexidos cun pixama de algodón desgastado. Román non se inmuta; ás veces da un brinco ao notar a frialdade das súas extremidades á intemperie, que buscan o arrimo da calor, mais axiña volve á súa tranquilidade de boi manso.
-¡Quen tivese tanta pachorra!
Nora consúmese. Entre o frío e a angustia de pensar que non tardará moito en saír da cama e soportar a carga dun novo día na fábrica, afoga. Ante ela érguese o muro do insomnio, e iso que esta vez non esqueceu tomar a pastilla que o combate. Pero as ganas dun grolo de alcol non llas quita ninguén. Sabe que se volve baixar da cama e vai á sala e abre o aparador, está perdida, de novo coa merda ata o pescozo.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios