Cantos anacos de vida alí abandonados?
Como se fuxisen sen tempo de coller máis que o preciso ou, case mellor, como se quixesen empezar de novo deixando atrás o seu pasado. Non saberei a razón.
Era fácil imaxinar como eran eles, o seu día a día. Gustoume parar e pensalo, telos por un segundo diante, facendo as tarefas de sempre, os dous. O caso é que sentín que os coñecía. Desde o primeiro momento.
A casa ameazaba ruína. Os obxectos espallados polo chan facían a imaxe triste e desalentadora. Percorría os espazos a modiño, facéndome con eles, parándome a miúdo a mirar máis de preto. Estendía os brazos ao avanzar e percorría as paredes coa punta dos dedos, coñecéndoas.
O lugar que me falaba con maior forza era o pequeno patio interior que, a pesar do seu mínimo tamaño e a grande altura dos muros que o pechaban, estaba cheo de sol, un sol que lambía con forza as superficies que alcanzaba. Era o sol da primavera, que enche a un de ilusión e forza.
Desde a fiestra da antiga cociña, como unha espectadora, eu miraba, igual que moitas veces puido facelo ela mentres fregaba a louza un día calquera.
Cantas plantas tiradas polo chan, colgadas nas paredes, a pesar da desatención e a da dureza do exterior, aínda vivas, no seu tempo regadas por una man agarimosa, alegre, gustosa de espallar a vida. Unha muller, avoa, aínda nova e feliz.
Unha gaiola baleira, enferruxada, onde onte houbo galiñas, curioso nun edificio do centro, pero ela sempre tivo animais? Cada mañá recollía os ovos frescos, botaba auga, millo e berzas. O son dos cacarexos enchía o lugar, son de fondo diario, tan apracible, reflectindo o discorrer tranquilo dos días.
Unha pequena bodega, lugar de traballo dun home grande, por dentro e por fora. Un avó. Un buzo colgado dunha fiestra. O que el poñía por riba da roupa nas tardes, que pasaba alí entretido, traballando coa ferramenta. Estragada pola intemperie, una escaleira de man. Cantas veces alí subido facía pequenos amaños na casa, suxeitando as puntas coa boca e o martelo na man.
E mirábame cos ollos cheos de luz.
Agora todo rematou, a casa xa non existe, eles? ninguén o sabe.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios