Ela soñaba en palabras. E non podía ser doutro xeito, porque nos seus soños, era miope.
Amontoábanse unhas enriba das outras. Pelexaban por ver quen era a máis fermosa. Pero tampouco ela podía decidirse.
El soñaba en imaxes. Sucedíanse como os fotogramas dun filme. Ás veces en branco e negro, ás veces en cor... Pero sempre nítidas, case tanxibles.
Ela sempre as elixía con mimo, agarimándoas coa lingua no momento da súa pronunciación. Se alguén lle dedicaba algún termo desafortunado, levábao sobre as costas durante un día enteiro. Ás veces, mesmo lle facía tremer as pernas. Cando isto ocorría, esforzábase por atopar outro vocábulo que a liberase dese peso. Sen embargo, se o termo que escoitaba lle agradaba, levábao, orgullosa, pendurado das orellas, a xeito duns fermosos pendentes, escoitándoo a cada movemento que facía.
El vivía en imaxes. Todas as palabras lle soaban con eco. Eran fortuítas, imprecisas e ambiguas. Estaba convencido da utilidade das imaxes. Almacenábaas por categorías, cores ou por días. Sempre se expresaba mediante o silencio, deixando paso a olladas e xestos dun xeito impecable. Eran tan poucas as veces que falara, que nunca ninguén chegara a memorizar a súa voz.
Cando se coñeceron, el propúxolle un trato: cambiaríalle unha imaxe por unha palabra se ela conseguía convencelo da forza expresiva dos vocábulos. A rapariga aceptou, regalándose mentalmente a si mesma o termo gañadora. O rapaz deuse a volta dedicándose un sorriso.
Un día enteiro pasaron os dous sentados de costas. El coas pernas cruzadas, repasando de memoria o seu catálogo de imaxes e olladas. Ela cos xeonllos dobrados sobre o peito, repetindo para si as súas palabras adoradas. A noite chegou. Ela ergueuse e camiñou, coa dozura de quen teme espantar o silencio. Cando estaban meixela con meixela, el permitiuse gozar do seu tacto, memorizando o seu olor. Ela, allea a isto, pronunciou a súa palabra, acompañándoa co ton de voz axeitado. Despois, apartouse lentamente para descubrir a bágoa que se deslizaba pola meixela del, arrincada pola palabra que lle agasallara.
E foi entón cando ela se decatou de que esa era unha imaxe que nunca podería esquecer.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios