¡Ata mañá, miña rula! Así se despediu o Tomasiño da súa moza Uxía, ao tempo que lle daba un bico nos beizos. E marchou dende o Fondo de Nois cara Trasmonte, unha noite en que a lúa aínda tiña a luz do cuarto acesa. Ao pasar por diante do cemiterio, cando xa a lúa apagara a luz do cuarto, pareceulle ver un luceiro por entre os nichos. Fitou a ollada. De súpeto, veuse envolto polas lapas dun rodo que formaban un fato de mulleres -contou ata doce- todas vestidas de negro e con cadansúa vela acesa nas mans. Treméronlle as pernas. Sentiu calor. Sentiu frío. O rodo apertábao, esmagábao, queimábao e, sen saber como, pegou un pulo e saltou por riba das lapas e das mulleres. Botou a correr sen mirar para atrás -polo camiño de ningures- e chegou a Trasmonte, á súa casa. Non estaba canso. Non suaba. Non tiña frío. Sentía... non sentía nada.
-Será o medo -pensou-. Entrou na cociña. A señora María -súa nai- enfornaba no pan. O patrucio miraba como o lume choraba charametas. Froilán, o gato, fitaba os chourizos que colgaban da cambota.
-¡Mi madre! A señora María seguiu enfornando. O patrucio cuspiu no lume e o lume chorou charametas a fío. Tan só Froilán revirou a cabeza e puxo crechos os pelos do lombo e do rabo.
Botou as mans á cabeza e sentou a carón da artesa. Todo ao seu redor se lle amosaba indiferente, ata Froilán lle dera as costas e volvía ter os ollos fitos nos chourizos. Ergueuse do banquete e deu un berro, tan forte, que unha estrela que estaba colgada do lousado do ceo, tan tranquila, soltouse e converteuse nunha estrela fugaz. Dentro da casa todo lle seguía a ser indiferente. No Fondo de Nois, a Uxía abrira a ventá do seu cuarto e miraba as estrelas. Aos poucos, veu como unha delas se soltaba do lousado do ceo. Viña de contra Trasmonte e apagouse xusto diante da súa ventá.
-¡Unha estrela fugaz! -exclamou- e sen saber por que, lembrouse do derradeiro bico que lle dera o Tomasiño. Sorriu e pechou a ventá.
Na casa do Tomasiño cheiraba a pan recén cocido. A xente durmía. O lume xa non choraba charametas. Froilán seguía cos ollos fitos nos chourizos...
Á mañá seguinte as campás da igrexa amenceron chorando badaladas.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios