O axudante do condutor anunciou polo micrófono que o autobús faría unha parada en breve. Ao parecer, o lugar escollido era unha antiga pousada con moita sona desde tempos moi anteriores á Depresión. Entre os seus atractivos atopábanse a tenda de agasallos e mais os pasteis de mazá. A principal atracción da tenda semellaban ser unhas canas de pescar, as cales, segundo a lenda, estiveran entre as predilectas do mesmísimo Mark Twain. Desde a parte traseira do autobús escoitáronse algunhas gargalladas. Aquela era a zona que ocupaban uns rapaces de uniforme que (segundo lles escoitei contar a catro señoritas diferentes) chegaran había uns días de Alemaña, e nada máis pisar terra americana, tiveran a oportunidade de estreitarlle a man ao presidente Harry Truman. O axudante seguiu co seu anuncio, mais eu xa tiña toda a información que precisaba, así que a miña atención regresou onde estivera xa durante horas; a un individuo sentado a miña dereita, dúas filas máis adiante. Era un home delgado, moreno, de cabelo curto, e cunha camisa azul dobrada ata os cóbados. Levaba consigo un rolo de papel, que usaba para escribir e debuxar, segundo puiden observar.
Uns minutos máis tarde o autobús detívose na parada anunciada. El baixou con aquel rolo de papel baixo o brazo. O groso dos pasaxeiros dirixíronse cara a parte traseira do local, onde estaban as famosas canas de pescar. Os soldados gabábanse en voz alta de que mercarían unha grazas aos cartos que Truman lles prometera por gañar a guerra en Europa. O centro da miña atención estaba en dirección oposta, sentado á barra. Sentei ao seu carón. Mentres nos servían o café pregunteille se non lle interesaban as canas de pescar. «É sempre a mesma merda, en cada recanto de América teñen o mellor tesouro preparado para que o merques». Sorprendeume aquela contundencia. «Mira aqueles pailáns» e sinalaba os rapaces de uniforme. «¿É naquilo no que nos convertemos?». Como non souben que contestar, pregunteille se era xornalista. «¿O dis polo rolo de papel?, non, non o son. Só pretendo escribir desde a realidade da verdadeira América, das xentes que viven e se moven no camiño, que eu considero tamén a miña realidade, moi diferente e distante da de Truman e algúns deuses universitarios».
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios