Pechou os ollos e encheu os pulmóns daquela fragrancia única; estaba nese instante a identificala de xeito indubidable. Fixo un aceno de satisfacción coa faciana. Diante del, no estremo onde remataba o cantil, aparecían, dun modo cativador, fermosas e olorosas flores silvestres. Coñecía á fin a orixe daquela sensación familiar que moitas veces sentira alá na América cando paseaba polo campo e chegaba ata el aquel recendo sutil, o mesmo que agora, e que xamais fora quen de entender. Sentou nunha roca, deixando arrimado a ela o caxato que daba apoio aos seus cen anos, noventa deles vividos en Cuba. Recreouse na contemplación da impresionante paisaxe, co Faro á súa dereita, o monte Pindo á súa esquerda gobernando impasible o litoral dende máis alá das rías de Fisterra e Corcubión, e abaixo o inmenso e azul océano batendo con ondas indomables na rompente da costa galega, como o atoparan os romanos. O home sentiu certamente que aquel era o seu fogar, e sorriu feliz.
Anoitecía paseniño e o sol estaba a piques de deitarse trala liña do horizonte. Sensible de seu, deixou que unhas bágoas de ledicia esvararan polas súas meixelas. Lembraba agora que sendo neno estivera alí con alguén moi especial, quen sabe se descansando na mesma roca. Acariñou con dozura a face do seu bisneto, que, ao seu carón, gozaba ollando o ocaso.
-Senta aí, meniño, que che conto algo -falou o vello.
-¿O que? -preguntou interesado o pequeno.
-Decateime neste momento de que cando era rapaz viña aquí co meu avó. Chamábase Xoán, coma ti -díxolle con grande emoción.
O cativo non respondeu, mais ficou sorprendido e botou un sorriso ao ancián, colléndoo logo con forza da tremente man. Case sen decatarse e sen que houbese acordo previo entre os dous, bisavó e bisneto respiraron a grandes grolos e con intenso pracer o aire puro que lles chegaba da fin da Terra. Despois, caladiños, seguiron a deleitarse co abraiante cadro que tiñan diante, admirando a sublime beleza do mar infinito e escoitando o son salvaxe das súas ondas, que mesmo semellaba doutro mundo.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios