Había quen dicía que ninguén o vira rir. Pero Manuel era así.
Mirando para el, nunca podías saber se tiña un bo ou un mal día, se as cousas lle ían ben ou mal. Outros dicían que sempre fora «un pouco á súa maneira».
Mais case todos coincidían en que era unha boa persoa, xamais tivera un problema con ninguén e sempre botaba unha man para o que fixese falla.
Mantivera desde sempre esa pose hermética, case hierática, e agora era moi vello para cambiar. Cando un dos netos pequenos facía unha graza ou lle daba un bico, Manuel esbozaba un leve sorriso que interrompía antes de que acadase a categoría de gargallada; cando falecía algún dos seus amigos, compañeiros de toda unha vida, Manuel, con xesto compunxido, limitábase a dicir:
-Habemos de ir todos para alá. Aquí non vai quedar ninguén.
Pero eu podo contar que o vin chorar. Foi, segundo creo, a finais de xullo. Aquel fora un xullo de calor abafante, un sol teimudo torrou todo o verde que a primavera fixera medrar. O constante vento do nordés rematou o traballo. Só unhas tenzas estaban rozadas. Desa maneira foi doado para o lume avanzar entre a maraña de fentos, toxos, xestas e silvas que gabeaban polos piñeiros e eucaliptos e algún que outro carballo. Todos miraban coma hipnotizados a inmensidade do lume; Manuel non.
Dirixiuse decididamente cara o lume ata que o xefe do retén berrou:
-Pero onde vai ese home?
-¡Onde vou ir! Todos aí quedos coma pasmóns. ¿Seica non tedes sangue nas veas?
Só o seu fillo conseguiu detelo.
-Vamos, papá. Que non se pode facer nada. Hai que deixalo chegar ao camiño.
-¡A nai que vos fixo a todos! ?-dixo rosmando entre os dentes mentres retrocedía.
Todos volveron quedar enfeitizados polo lume, pero eu vin como, dende a distancia, Manuel apertaba os dentes. O seu queixo empezou a tremer, e os ollos volvéronse cada vez máis brillantes e máis húmidos.
E antes de que a primeira bágoa esvarase pola súa meixela, Manuel virouse e tomou o camiño onde eu o vía a diario e que levaba para a súa casa.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios