Metín a chave na pechadura, e fun recibido polo balbordo do televisor no cuarto de estar, mailo exquisito olor das vieiras ao forno da miña nai.
-¡Ola...!
-¿Que tal, fillo?
Saudaron ao unísono meus pais dende a cociña. Sentei no sofá, ao carón daquel marco coa fotografía da miña recente comuñón e fronte ao presentador do informativo rexional. Anunciaba unha conexión en directo cunha residencia de anciáns; onde un tal Eladio cumpría os seus primeiros cen anos, segundo informaba nun ton case vacilante a reporteira. Erguinme de novo, e achegueime á pantalla con curiosidade. Meu pai dispúñase a poñer a mesa; cinco servizos. Ao parecer, tiñamos convidados... Mentres; aquel homiño de pelo cano e desdentado respondía pausado, coa ollada perdida no baleiro. Coma se lle mancase recordar cada vivencia pola que lle preguntaba a xornalista, coma se por cada engurra do seu corpo murcho e desgastado polo tempo foran cravándolle centos de agullas ardendo. Sentín unha bágoa naufragar na meixela...
-Brais, ¿axúdasme a rematar coa mesa?
Fiquei alí, quedo, sen case pestanexar; absorto nunha pombada de lembranzas que agora me levaba a cabalo entre a impotencia e a culpabilidade. Cada verba que saía dos beizos do centenario, case ancorando no meu pensamento cunha dor xorda; da que souben naquel mesmo intre que só lle agardaba curas de salitre, que non marcharía máis.
Xa despedían a conexión; Eladio comezou a asubiar case sen folgos, mais con carraxe e, ao compás, tamén eu.
-Brais... -colleume meu pai polo ombreiro.
Fitaba de esguello ao asubiante, agora tamén emocionado. Collinlle a man.
-¡É o xílgaro, papá! -apertei con forza- ¡O xílgaro no ameneiral que vai dar ao río!
Chamaban á porta...
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios