Onte en Allariz o día espertou cantando sinfonías de sol sobre a Ponte Romana, na Barreira, a Acearrica e sobre o Mosteiro dunha Raíña Violante en Santa Clara. Na Alameda a luz inventaba un debuxo de colores no Arnoia. E na Cruz da Vila, un Cid campiador saudou cun aceno a un conde escritor.
Despois, no ceo da tardiña de maio, apareceu unha nube da cor do silencio e outra con forma de fantasía. Agacháronse as dúas detrás do monte Penamá, soas, ocultas se cadra desas miradas incrédulas que non saben que os ollos serven tamén para soñar soños. Onte en Allariz naceu esta memoria, nun paseo polos camiños de outrora cando o neno que fun xogaba entre San Esteban e San Benito, cando discorría liberdades para os reos no Cárcere e comía despois de postre améndoas de pico.
Corría pola Fonteiriña e o Portelo, bebía na fonte de San Isidro e rezaba cantos en San Pedro. Silencio. É feira o Un e Quince e as campás cunha badalada dan a Media das Cinco. Pero Allariz é máis: Risco, a empanada, o boi, todo isto; a miña casa, Seis Igrexas; do revés, a Ziralla; unha monxa, un frade, un císter e ergueito contra o ceo, o misterio dun castelo que non existe.
-¡Velo aí está, ho!
É mentira. Non o hai por moito que veña nas guías de turismo, por máis que o digan os curas na misa, Xan de Arzúa, Afonso X, Fernando III, Sancho IV... os xudeus do corpus. Non está aínda que os que aquí nacemos xuremos que si, que está aí mesmo, de pé no alto dun monte detrás de Vilanova, no medio da Vila, diante de Vilar de Flores ou Roimelo, segundo se mire. É mentira.
-¡Velo aí está, ho!
Chegas á igrexa de San Esteban e, no Campo dos Brancos, preguntas por el. Diranche:
-¡Velo aí está, ho!
O castelo existe. Ocupa cinco fanegas de terreo e ten a altura dunha vara e media, tres subidas desde a Vila e unha imaxe de historias reflectida nas augas brancas de cristal do Arnoia. Hai un camiño, un pasadizo secreto, un tesouro escondido e un Penedo da Vela, rocha de despeñe por onde outrora caían á morte os axustizados da vida. Mais ti nunca chegarás a velo, non podes. Non teimes. Para velo hai que nacer na Ziralla. Este é o misterio do castelo de Allariz.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios